Opinión

Tantas mulleres invisibilizadas

ALEJANDRO SANZ para o concerto e baixa do escenario enfrontándose a unha besta que agrede a unha muller. Mohamed Beabid, escribe en L'Economiste marroquí a columna Vergonza e, referíndose ás agresións sexuais na estación de Colonia, denuncia que hai un problema sen resolver nas sociedades musulmás, a relación coa muller. A proliferación de acosos sexuais reflicte en Marrocos a degradación das mulleres en espazos públicos. Kamel Daoud, premio Goncourt, en Le Monde: O sexo éche a miseria máis grande no mundo de Alá. Case é o título literal da análise no The NY Times: A miseria sexual do mundo árabe. Denuncia que "Occidente está a descubrir, con medo e ansiedade, que o sexo no mundo musulmán está enfermo e que esa enfermidade está en expansión". Na recente visita do presidente iraní, cubríronse esculturas femininas como se Italia se avergoñase das mellores creacións artísticas. O petróleo ben vale uns anacos de tea ocultando formas femininas no mármol. E mentres, en El Cairo prodúcese un milagre: mulleres que se rebelan con spray e graffitis contra o acoso sexual do 99,3% das mulleres.

A Humanidade precisa dúas alas para voar, a feminina e a masculina. Iso explica o voo alicorto de sociedades que ignoran e desprezan a muller, que ocultan o corpo feminino, que lles amputan vida, talento, traballos, o cerebro. As alas.

En moitas zonas do mapa tratan á muller como menor de idade, propiedade do marido, escrava do macho. Hai sociedades coa metade da masa cerebral amputada, condenadas a un atraso secular. Esa metade da poboación non pode traballar, investigar, ensinar, curar, crear, mesmo conducir un coche. Sociedades medievais invisibilizan á muller, converténdoa en cidadá de segunda á sombra do varón, tutor e dono dela. Cando canallas fanatizados atopan nalgún credo barra libre para sacar o peor de si mesmos, a primeira vítima é a muller. Aínda hoxe o feito de ir a clase supón unha condena a morte para miles de nenas e profesoras.

Mirando lonxe non vemos o que pasa ao carón. As opulentas sociedades do benestar precisan carne feminina para as cloacas de prostitución, trata de blancas e clubes de alterne tolerados legalmente. Miles de mulleres son enganadas con promesas laborais que conducen ao inferno da explotación sexual, maltratos e ameazas ás familias. Idénticos postos traballo, mesmas responsabilidades teñen soldos diferentes dependendo do sexo. Inxustizas flagrantes para as que non atopa solucións a política.

Hai países que, maltratando á metade da poboación, se condenan a si mesmos. Ningunha cultura, ningunha relixión pode invisibilizar á metade da humanidade que necesita as dúas alas para voar. Prescindir brutalmente dunha delas reflicte o machismo máis brután, a testosterona menos intelixente.

Comentarios