Opinión

Tan curta e fráxil democracia

O PLANETA Terra, a casa que temos, iniciou a súa andaina hai uns 4.500.000.000 de anos. O homo sapiens, única especie humana sobrevivinte, leva aquí uns 150.000 anos. As primeiras cidades, ou a vida que convive, datan duns 9.500 anos. A democracia grega, onde non collían mulleres, metecos, escravos, apareceu con Clístenes no s.VI a.C. e durou ata o 322 a.C. coa supremacía macedonia.

En 1775 a revolución americana alumbrou en EE.UU. a democracia moderna. Aquí aparece, tras efémeras etapas anteriores, con medo e con susto, coas eleccións de 1977. Pouco máis de catro décadas, e xa temos gusanos dentro dela. 

Así que, mirando cara atrás sen ira, a democracia semella excepción máis que regla. E iso que case todo o mundo está de acordo en que é o modo máis intelixente de organizar a convivencia nun país avanzado. Mais cómpre decatarse de que a democracia non é agasallo gratuíto senón conquista diaria contra os bárbaros. Aliméntase co pan da cultura. Periga coa ignorancia.

Tantas definicións de democracia. Ou cando a vontade do pobo entra na historia. "O povo é quen máis ordena", canta Jose Afonso. Democracia ou a arte de resolver xuntos problemas de todos, tan incomprensible no espectáculo de navallas dalgúns dos nosos políticos, ao servizo da tribo e non do pobo.

Democracia son os votos que se contan, exercicio de matemáticas que ignoran populistas e tiranos cando se apropian da representación moral do pobo. Baséase no pluralismo político e a alternancia no goberno. Na gramática democrática hai verbos que convén conxugar: contar e recontar, votar, falar, dialogar, debatir, pactar, acordar. Aquí conxúganse con entusiasmo antónimos que patean democracia e dicionarios.

A democracia éche unha reunión continua onde cocen lentos asuntos complexos. O que non colle na reunión política é o queroseno verbal. O único combustible son as mans tendidas da intelixencia, a ironía e a palabra. 

A democracia obriga a ter os ollos abertos contra bulos e fake news, granadas de odio e minas de rancor, contra bots e trolls, cabalos de Troia na cidadela das democracias. Por iso a lectura é obriga moral e temos o deber de seren intelixentes. "Para que non trunfen os peores", avisa P. Krugman, enfrontando populismos e formas fascistas que van medrando aquí e acolá.

Avisaba Tocqueville: "A saúde dunha sociedade democrática pódese medir pola calidade das funcións desenvolvidas polos particulares". Para dar a talla en civismo, para non suspender en democracia. Para controlar coa prensa, co voto, coa crítica ao goberno e aos políticos, só interinos do poder. Cousiñas que non se atopan nas tiranías nin nas granxas ovinas. Para que o apaixonante momento histórico que nos tocou vivir non sexa unha paréntese curta e fráxil da democracia.

Comentarios