Opinión

Somos parte da solución

A PORTA do inferno abriuse desta volta no centro de Portugal. E non por unha tormenta seca, un raio despistado, unha man criminal, que tamén. Ten máis que ver a ordenación do territorio, a política forestal, a desertificación do rural e a eucaliptización do país, como sabemos aquí.

21 de xuño, Día do Sol. Pouco que celebrar nesta ola atípica de calor. Días de moi mal tempo que abrasa cultivos, mata xente, baldeira pantanos e zuga o sangue dos ríos. En EE UU, con temperaturas de 50º, os avións non poden voar nun aire livián que non terma deles. Lemos que ese día rexistráronse 37º en Siberia. Desde Kíruna no norte de Suecia e por riba do Círculo Polar chegan fotos de xente amiga celebrando o solsticio de verán en mangas de camisa. Verán na primavera. Noticias desusadas aquí e acolá. Cambio climático evidente para todos menos para ‘expertos’ ben pagados para defender grandes intereses. O sol non é o culpable: éche o necesario motor do clima. Máis responsables son políticas cegas ante sinais de alarma do planeta. De pouco serve botar as culpas a ignorantes como Donald Trump, rodeado de corifeos alleos a toda evidencia, que vén de sacar dos Acordos de París ao seu país, un dos principais contaminadores e responsables da desfeita. Ata en USA hai contestación contra o personaxe excesivo: estados e cidades posiciónanse para loitar contra o cambio climático.

Volve a emocionante imaxe da Terra flotando no caldo cósmico: un bit de azul pálido. A fotografía foi tomada, a instancias de Carl Sagan, astrofísico e divulgador científico, polo Voyager I a 6.050 millóns de quilómetros. Despois de corenta anos de viaxe, abandonou xa o Sistema Solar: unha botella á deriva no océano cósmico cos sons da terra nun disco de ouro. Existirá a Terra cando alguén a atope? Non importa: falará de nós a pesar de nós. Ese bit azul, perdido na inmensidade da idea da fraxilidade da Terra. Un planeta azul porque o 71% da superficie é auga, caldo da delicada urdida que estamos a poñer en perigo por ignorancia, irresponsabilidade e cobiza: un comportamento suicida. O cambio climático esixe modificar pautas de comportamento e consumo: máis austeridade e respecto polos outros compoñentes e veciños da biosfera.

Temos a obriga de pensar globalmente e actuar localmente porque somos o problema. Somos parte da solución. Esa solución, posible, está nas mans dos políticos. Nas mans da industria. Nas mans dos científicos. Está nas mans das sociedades e, dentro delas, de cada un de nós.

Di Sagan que o Voyager I reflicte nidiamente a nosa dimensión humana: apenas unha faragulla. Coa sagrada obriga de preservar e amar ese punto de azul pálido, o único fogar que sempre temos coñecido. Está nun grave problema. E somos parte da solución.

Comentarios