Opinión

Soles, libros e bicicletas

AS BICICLETAS son para o verán', escribía Fernán Gómez e filmou Chávarri. Claro que no verán collen máis cousas. Soles. Aínda que o cambio climático enrede isóbaras e patróns que tolean a atmosfera.

O verán estaba cheo de bolboretas. Agora, paramos abraiados, sinalamos e dicimos: mira, unha bolboreta! Porque este delicado milagre de cores e voo sincopado esmorece.

O verán, claro, está inzado de festas e paparotas. Ao redor da mesa, o bandullo éche o rei nese altar festivo e pagano onde o viño e a carne crean a mellor comuñón coas amizades, a familia pequena, e a veciñanza, a familia grande.

Tempo de verán. Tempo de lecer. Tempo de vagar pola arañeira de sendas entre as árbores, polas rúas de mañancina, polas beiras do río. Ata descubrir asombrosamente que as mellores cousas coas que agasalla a vida en camiseta son gratuítas.

Soles, bicicletas... E libros. Os libros son para o verán. Para o inverno, outono e primavera. Libros as vintecatro horas do día, aínda que despistados responsables da cultura xibaricen horarios de bibliotecas públicas xusto cando habería que amplialos. Non extraña que o país medre asolagado baixo o chapapote do ruído, paixóns políticas primarias, omnipresente balbordo do fútbol e gladiadores ben pagados no oficio de berrar.

Libros. Viaxes cotiás, repetidas, interminables, infinitamente máis baratas e apaixonantes que fuxir aos antípodas. Mesmas comidas, avións, cruceiros, aeroportos, praias iguais e o tristísimo mar que estamos a forrar cunha pel de plástico. Libros e máis libros. Por exemplo, O último barco de Domingo Villar invita a ler os dous anteriores."El pueblo contra la democracia de Sasha Mount explica cousiñas que nos pasan. Goberna o pobo pero colocamos na cabina de mando a algúns dos peores. Literatura electrizante en 14 de Julio de Eric Vuillard, non se sabe ben se novela histórica, lección moral ou tratado político do día que cambiou o mundo coa Revolución Francesa. Libros para ler, para gozar, para reflexionar entre soles... e mira, unha bolboreta! Porque esta islandesa, Ava Olafsdöttir, escribe así de ben en Hotel Silencio, ou La mujer es una isla. La frontera, de Don Winslow, ou cando a realidade do muro de cartos, droga e brutalidade entre México e USA supera a ficción e aparece a sombra do bufón excesivo aupado ao trono do mundo. Entre noticias de mortos, rescates, fuxidas, xenofobia, fascismo a imprescindible enciclopedia de Martín Caparrós, El hambre. Velaquí a triloxía imprescindible de Jon Kalman Stefánsson. Pura filosofía, poesía pura, pura novela. Entre el cielo y la tierra, La tristeza de los ángeles, El corazón del hombre. Un pouco de todo na mochila do verán. E cadaquén coa súa. Viaxes, bolboretas, soles, bicicletas... e un millón de libros.

Comentarios