Opinión

'Só sei que non sei nada'

FOI O que aprendeu o filósofo grego logo dunha vida de estudo e reflexión. Tanta, que outro amante da sabedoría, do pensamento, exclamou: ¡Quedei desfalecido na procura da verdade! Alimentando con entusiasmo os fornos do ruído, aquí non teremos ese perigo.

Daquela, a filosofía estorba. Cousa antiga da antiga e luminosa Grecia, onde afunden as raíces da cultura europea: a democracia, o espírito libre, a arte, o pensamento, o teatro, a vida cidadá. Sen Grecia e o seu pensamento humanista Europa sería irrecoñecible. Ao fin, todos somos gregos di P.B. Shelley.

Por iso sorprende que exilien a filosofía da Eso, que a súa presenza sexa testemuñal nas aulas. Se cadra, aos escuros poderes interésalles silenciar o pensamento, domesticar o cerebro, convertelo en invernadoiro de fake news. 

Temos noticia histórica de cómo se chegou ao berro brután "¡Abaixo a intelixencia!" no paraninfo salmantino por un matón armado. Premonición da barbarie da guerra incivil e da "longa noite de pedra". Ou aqueloutro "¡Lonxe de nós, señor, a funesta manía de pensar" de xeonllos diante dun rei lamentable.

"Aprender é facer unha continua análise de cómo evolucionan as cousas" sinala a presidenta do Consello Escolar do Estado. Mais, como enfrontar esa ardua tarefa suprimindo a filosofía que ensina a pensar e analizar a realidade?. E mentres, seguen asignaturas que adoutrinan nas aulas, teatro da dúbida razoable.

¿Como manter sen a filosofía acesas as luces de alarma do cerebro que pensa, analiza, reflexiona, interpreta o mundo cambiante? ¿Acaso non nos percatamos, como sinala o escritor Martín Garzo, da tan lamentable e ben visible falta de intelixencia política, e de como as ideas foxen dos hemiciclos da brocha gorda a descortesía, o cainismo, o queroseno?

Pregunta recurrente é para que serve a filosofía. Contesta Emilio Lledó: a filosofía serve para vivir. E imprime nos cerebros en formación carácter da mellor humanidade. Sen filosofía teremos abondosa colleita de buratos negros bípedes, colonizados polo ruído e as présas, ancorados no presentismo e na morna desesperanza do carpe diem.

Claro que a heterodoxia dos soños, sentada no silencio fértil dunha biblioteca, na compaña das ideas dos pensadores sería perigosa para o poder. Daquela, mellor subvencionar as noites  de viño e rosas.

"Na sociedade do coñecemento, aberta, inclusiva e pluralista, a filosofía ocupa plenamente o seu lugar", di o director  xeral da Unesco. O Manifesto a prol da filosofía recorda que só ela é capaz de ordenar a realidade, darlle sentido e comprendela para poder, no exercicio da liberdade, mellorala e transformala. Expulsada das aulas conseguiremos o contrario do que descubrira Sócrates. Que a rapazada nin sequera se percate de que non sabe nada.

Comentarios