Opinión

Sementes de sangue na terra

TANTAS VECES escoitada, Cuando los ángeles lloran, homenaxe de Maná a Chico Mendes. Choveron xa trinta anos desde a súa morte. Desde o asasinato do defensor e anxo da garda da torturada Amazonía. Sindicalista, siringueiro, activista medioambiental: malas noticias na gran selva tantas veces escenario de depredación e violencia. Ao final, símbolo recoñecido, icona mundial na lucha, na defensa da natureza.

Agora, o ecoloxista Santiago Maldonado, un tipo especial, como especial pode ser a presenza activa deste nómada, pacifista, soñador que se apuntaba sempre ás causas dos perdedores. Desta volta, a comunidade de Cushame, na Patagonia rebelde. Este Maldonado, que non sabía nadar, atopou a morte afogado, enredado na maleza das augas frías do río Chulut. Ben sabía dos riscos de colocarse ao lado dos mapuches reivindicando a terra acaparada por multinacionais, entre ellas Benetton.

Sementes de sangue na terra. O listado de mártires medioambientais é interminable. Noutro prato da balanza, a cobiza e o matonismo do diñeiro, tantas veces disfrazado coa carauta do progreso.

No listado, Wayne Lotter, asasinado en agosto en Tanzania. Fora ameazado en repetidas ocasións polos traficantes do ouro branco, o marfil. En Tanzania os elefantes, xigantes bondadosos diminuiron nun 60% nos últimos cinco anos. Os números que presenta a fundación PAMS son impresionantes: 32.000 elefantes protexidos, 2.000 cazadores e traficantes arrestados. A un alto prezo, a morte de Wayne.

Outro nome na lista, o da lideresa labrega, feminista, ecoloxista. A hondureña Berta Cáceres foi asasinada pola súa loita contra a presa de Augas Zarcas que asolagaba terras sagradas do pobo lenca.

Sementes de sangue na terra. Sementes de vida como a de Jairo Mora, que a perdeu, que a gañou en Costa Rica na defensa do medio mariño. O seu crime, tentar protexer niños e ovos da tartatuga baula. O biólogo foi asasinado en maio de 2013. Neste paraíso natural, nesta nación verde, o saqueo de ovos de tartaruga chegaba ao 90%, condenando unha especie ameazada. José Raimundo Mota, asasinado en xullo deste ano, líder de Pobres Agricultores de Bahía, o MPA.

En novembro do 95 foi asasinado Ken Saro-Wiwa, activista nixeriano, escritor camiño do premio Nobel. Foi aforcado pola ditadura do xeneral Sani Abacha por encabezar as protestas contra o infinito dexastre ecolóxico e o envelenamento medioambiental causado pola petroleira europea Shell no delta do Níxer. Esta multinacional foi catalogada por Public Eye como a peor empresa do planeta polas desfeitas medioambientais. Con el morreron outros oito membros da comunidade ogoni.

Chico, Berta, Maldonado, Jairo, Ken, José Raimundo, Wayne Lotter. Tantas, tantos grans de vida. Tantas sementes de sangue fecundando a terra.

Comentarios