Opinión

'La revancha de los poderosos'

UN LIBRO oportuno. Relato da expansión global do autoritarismo e o perigo dos populismos para as democracias. Cada páxina obriga a preguntar polo futuro da liberdade.

¿Quen é este agudo observador da realidade social e política que escribe de xeito tan brillante? Moisés Naím, executivo do Banco Mundial, exministro, premio Ortega y Gasset, infinitos cargos e libros publicados.

Velaquí a crónica do que vivimos. De como chegou ao trono do mundo un tipo excesivo como Trump. Por qué autócratas como Jinping e Putin impoñen a súa férrea vontade sobre países xigantes. Por que a onda populista e autoritaria se estende da Venezuela de Chávez e Maduro ao Brasil de Bolsonaro, da India de Modi á Turquía de Erdogan e á Filipinas de Duterte, da Hungría de Orban á Italia de Meloni e á Arxentina de Milei nunha cadea interminable de líderes populistas que chegan ao poder e desde dentro socavan os contrapesos democráticos. Naím fala dos autócratas 3P: populismo, polarización e posverdade. Pensadores como Y. Mount, A. Applebaum ou T. Snyder destacan os medios dos populistas para conquistar o poder: catastrofismo, criminalización dos rivais políticos, invasores que usan a porosidade das fronteiras, ataques á liberdade de expresión e compra dos medios, erosión do sistema de contrapesos, mesianismo e nostalxia de líderes fortes. Cando chegan ao poder crean redes clientelares que inevitablemente desenvocan nos sumidoiros da corrupción, amedrentamento dos rivais, submisión e engaiolamento social. E dinamitan os controis das democracias.

O populismo non é unha ideoloxía, di, éche unha estratexia para obter o poder. A posverdade e as fake news difuminan maliciosamente a fronteira entre feitos e opinións. E a polarización desgarra sociedades e países en metades que se odian.

Para F. Fukiyama trátase dunha obra orixinal cunha perspectiva global sobre populismo e poder. Para A. Appebaum, análise incisivo de como as 3P impulsan o ascenso de líderes que dominan boa parte do mundo. Para Publishers Weekly, retrato intelixente da expansión do autoritarismo e os seus perigos.

O prezo a pagar é o poder na súa forma máis turbia, perversa e brutal ameazando as liberdades e a supervivencia das democracias. O perigo son os autócratas cobizosos do poder, capaces de utilizar técnicas innovadoras e a arañeira das redes para se facer cun poder ilimitado e mantelo á marxe de regras democráticas e ideoloxías. A expulsión do poder de Trump e Bolsonaro mostra a forza da democracia. A ferramenta dos individuos e das sociedades libres contra a tiranía das 3P é a información, o compromiso cívico da cidadanía e a defensa afervoada dunha democracia sempre en obras. Axuda este libro absorbente e apaixonante, A revancha dos poderosos.

Comentarios