Opinión

Repensar Galicia: ‘Unha nova Olanda’

O venres pasado no Vello Cárcere. Moita xente, aínda que faltaban, para repensar Galicia. A carón do autor a xornalista moderadora, a política, o catedrático de historia, o empresario. Presentando o libro que propón outro modelo de Galicia. Lonxe do País de Fisterras provincianas pechadas sobre si mesmas, hai outro baseado na conexión das cidades e co norte de Portugal. 30.000 núcleos de poboación e só dúas cidades de 200.000 habitantes, nun mundo cun acelerado proceso de urbanización que concentra en megalópoles demografía, economía, enerxía, cerebros.

Galicia está nun recuncho das Españas que irremediablemente orbitan ao redor do xigantesco burato negro de Madrid, comunidade inventada. Somos un país invertebrado: a Franxa Atlántica concentra economía e poboación. A carón de Portugal tenta manter lingua, cultura, personalidade na procura dunha España policéntrica, como policéntrica é ela. Para que o futuro no esvare fóra e non sigamos perdendo poboación. Para que Galicia cunha pirámide demográfica como un trompo, non sexa condenada a ser un ‘país de anciáns, falando de cousas vellas en casas antigas’. Mentres a inversión educativa produce valor engadido lonxe, expulsando a xente nova titulada, tan cobizada fóra.

Proponse, como se fixo en Euskadi ou en Holanda unir as cidades por tren en media hora. E potenciar un continuum económico, social e cultural entre Galicia e Portugal para superar o localismo que duplica infraestruturas, aeroportos e portos infrautilizados.

Diante dos ollos está a desaparecer aceleradamente a Galicia das aldeas, dolorosamente allea a tanta xente nova que mesmo esquece o tesouriño da lingua. Daquela, preténdese outra cun desenvolvemento harmónico. Cidades con maior calidade de vida. Cun urbanismo que as faga vivibles, respirables, amables, habitables. Sen perder a estatura humana. Cun 70% vivindo en cidades, camiñamos aceleradamente cara a un país cunha urdida urbana que mellore redes de comunicación e transporte. 

Olanda ou Galicia. A das sete cidades. Urbana e urbanizada. Concibida como proposta de futuro, como cidade única: imán de poboación, economía, investimentos, recursos, enerxía creativa, talento se é capaz de crear e potenciar un Eixe Atlántico co norte de Portugal, á maneira do Corredor Mediterráneo. Se non queremos esa roda de Corredores Radiais cara a megalópole da capital do Estado por onde esvaran demografías e economías das Españas Baldeiradas. Na vertebración do territorio enténdese mal a peaxe desorbitada da AP-9 fronte a gratuidade da A-6.
O longo título é pista e resumo deste libro necesario. «Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal nun escenario global». De Antón Baamonde. Para pensar e repensar Galicia.

Comentarios