Opinión

Os que gañamos, os que perden


Lemos que quince científicas ucraínas escaparon da agresión de Putin. Agora traballan para o CSIC, o centro de investigación máis grande de España. Tatiana é neuróloga, Yuliala bióloga, Marina xeóloga, Tetiana é química. Ata quince mulleres novas, brancas, ben formadas, detalles que importan no caldo da xenofobia.

O doutor que nos atende en Urxencias, a cardióloga de Consultas Externas, o médico de familia no Centro de Saúde, formados en países sudaméricanos onde costou tanto formalos, agora traballan aquí. Deles escapan se poden mulleres que terman aquí dos avós, camareiros en bares e restaurantes. Alí quedan á intemperie.

Polas nosas rúas camiñan monxas negras. Van ocupando mosteiros xigantes e baldeiros de España. Escapan dos seus infernos para viviren no ceo de pedras medievais. Sen elas os seus países quedan máis dependentes das esmolas que cheguen do exilio.

O goberno español vén de ofrecer a nacionalidade aos 222 apátridas de Nicaragua, condenados pola estraña parella exsandinista que impón a súa ditadura contra o pobo. Daniel Ortega e Rosario Murillo, outra dinastía bananeira que foi apagando o luminoso futuro que prometía a rebelión contra os Somoza. Intelectuais, empresarios, directores de prensa, xente con títulos que España acolle cos brazos abertos. Engaden aquí peso específico e deixan Nicaragua máis espida e brutal. Calquera día recibiremos ao bispo que queda nas mazmorras somocistas dos Ortega, mons. Rolando Álvarez.

Só oito de cada cen habitantes do planeta viven en democracias consolidadas. Así que toda unha flotilla de pateiras cruza o Mediterráneo cara a Europa, illa de benestar e democracia nun arquipélago de autocracias, ditaduras, teocracias e países fallidos. Sangue novo para a esclerótica demografía europea e da España Baldeirada desadornada de xente.

As guerras do fin do mundo como a de Tigray en Etiopía con 600.000 mortos, a de Siria, agora castigada cun terremoto seguirán enviando ondadas de refuxiados. Marchan os máis fortes, arriban os máis novos e formados. Boa parte do cerebro afgano que colaborou coas forzas da Onu escapa dos clérigos da teocracia rural e medieval. Se poden, virán á laica Europa. Aquí en España recibimos varios miles de colaboradores novos, formados e con idiomas. Riqueza para nós, máis dependencia para Afganistán. O veciño e urbano Irán, país con 90 millóns de habitantes, celebra estes días o trunfo da revolución dos ayatolás, ou a volta a antigo réxime teocrático. As protestas rematarán con outra masiva exportación de cerebro ou co trunfo da revolución feminina, ‘Mulleres vida e liberdade’.

Xente que gaña, xente que perde. Países ricos que extraen como sambesugas o mellor sangue novo de países cada día máis dependentes. Nós gañamos, eles sempre perden. 

Comentarios