Opinión

Polisílaba, aguda, divisiva: polarización

Palabra do ano. Polisílaba, contundentemente aguda. Divisiva: norte e sur, branco e negro, amigos e inimigos. Campo de batalla dunha política que afecta a aquelas dúas Españas que conxelaron o corazón de Machado en Colliure. A tristeza da nosa historia chega a este presente bipolar e tanxente, orfo de palabra dunha política afastada do sentidiño da xente.

Polarización ou demonización do adversario transmutado en inimigo a destruír. Pasa cando os partidos de transforman en sectas de obediencia debida e dogmas monolíticos. Reflexiona George Steiner: "A crecente barbarie dos medios, a estupidización das pantallas, os partidos reconvertidos en sectas" alimentan a polarización. E ao final "cando se acaban os principios liberais e democráticos, a cultura desaparece e o futuro é asaltado polos bárbaros" que deixan os países rotos en metades que se odian. Caso paradigmático é o de EE.UU. desde que irrumpiu o meteoro excesivo e populista de D. Trump, que xamais tivo clara a fronteira entre verdade e mentira. A carón, a polarización entre Europa e o agresor oso ruso. Un chanzo máis abaixo, nosoutros.

Pero máis aló de polos malditos, a palabra vén cunha carga velenosa de ira e crispación. Corre caudalosa polas cloacas das redes sociais con cargas de profundidade de odios. Cos zascas como cristalización dun fascismo doméstico de violencia verbal.

A polarización contamina as sociedades, copa prazas, entra nas casas e senta ao redor da mesa. Envelena os hemiciclos. O catálogo que a alimenta é inesgotable: inxustizas sociais, crises que deixan a tantos na intemperie, bandeiras e linguas usadas como armas, patrias erizadas de fronteiras, mitos disfrazados de historia, etnias confundidas con ‘razas’, deuses cos seus dogmas, desigualdades, agravios seculares. Como todos es extremismos, a polarización borra a gama intelixente das solucións intermedias. Aliméntase de adhesións inquebrantables e aversión visceral ao outro. O autoritarismo dos líderes contaxia o autoritarismo social.

Políticos con tentación populista, e a nómina é abultada, inflaman algo tan líquido como a identidade para sementar discordias, mobilizar aos afíns, enfervorizalos e insuflar algo tan efectivo como o odio e a discordia. De aí ao fanatismo hai pouca distancia. Dinamitar pontes é máis rápido e barato que tender lazos. Vémolo na incapacidade de políticos menores, sen talla de estadistas para chegar a acordos, esencia da política. Monopolizan o poder, negan posibilidades ao contrario, dinamitan a hixiénica regra da alternancia no poder. Palabra maldita do ano, aniña nas tripas alleas a toda tolerancia. Larva larvada, polisílaba, rotundamente aguda, amante de extremos, ruidosa e divisiva, tan celtibérica. Polarización.

Comentarios