Opinión

O poder de pedra do sátrapa

En 1789 houbo unha ruptura entre Antigo Réxime e mundo moderno. E a vontade do pobo entrou na historia. Antes, esa vontade pertencía a deuses, reis, emperadores. O Antigo Réxime non rematou ese ano en todas as nacións, como sabemos aquí. Rusia, ancorada no absolutismo a principios do XX, transitou por unha revolución e longas décadas soviéticas. Agora o péndulo da historia volve ao imperialismo da man do inquietante Putin, novo tsar nostálxico da decrépita URSS. Chegou ao poder da man daquel bebedor de vodka, Yeltsin, que malbaratou o inmenso patrimonio do Estado nas mans de oligarcas.

Estas eleccións, con aparencia democrática, non agachan ao autócrata que eliminou a oposición co cárcere, co exilio, coa morte. O último, Navalni. Despexada toda dúbida, o poder permanecerá nas súas mans ata 2036. O Kremlin segue a ser un teatro de mármore. Fríos corredores polos que Putin avanza entre ringleiras de vasalos atemorizados. Mesas interminables nas que engaiola a líderes estranxeiros.

O ideal de autócratas populistas é eliminar toda incertidume no voto: Putin ou Putin. Nese teatriño de títeres silandeiros, envelenados pola mitoloxía que acompaña a todo nacionalismo, non faltan secundarios na farsa. Opositores con vocación de perdedores. Nada enturbia a gloria eterna de "Yo, el Supremo". O apóstol do novo imperialismo ofrece un poder vertical e autoritario, dirixido con man de ferro e unha inmensa soidade. Usa ferramentas democráticas ou prescinde delas se o horizonte impón outro camiño. Limpas de opositores as listas, os votos sempre outorgan o poder ao poder existente. O que, sen oposición, inventou guerras de Xeorxia e Chechenia. Anexionou Crimea en 2014 no medio dun estrondoso e covarde silencio internacional. Chamou ‘Operación Militar Especial’ á agresión a Ucraína. Impón censura e silencio a unha poboación atemorizada, non tolera críticas e castiga as protestas. En Ucraína o tsar pensou que o presidente cómico fuxiría. Non foi así, e dous anos despois o conflito estáncase nunha devastación inenarrable cos civís levando a peor parte. Crimes de guerra. Ducias de miles de soldados mortos. Pero o tsar Putin, como o seu mentor Stalin, sabe que con rostro e nome un soldado caído é unha traxedia, un millón de mortos é estatística. Regresarán á nai Rusia en brillantes caixas de cinc, escribiu a Nobel de Literatura S. Aleksiévich. Polo de agora, rematadas as eleccións do 15 ao 17 de marzo, e certificada a vitoria do poder co 87,8 por cento dos votos, lemos outra vez o soneto de Shelley, Ozymandias, rei de reis que paralizaba co terror os inimigos. Hoxe é unha metáfora semienterrada nas areas do deserto.

Putin pasará. Porque as súas vitorias e a súa memoria, como a de todos os sátrapas, está feita de pedras rotas.

Comentarios