Opinión

Patróns no medievo

"TER TRABALLO fixo e seguro éche un concepto do s.XIX". Xa ten afirmado doutrinas semellantes o presidente da patronal que vive, medra e fai negocio na Europa dos valores democráticos e das libertades, da paixón política e dos dereitos humanos, da mellor protección social, ameazada hoxe polos bárbaros transatlánticos que queren impoñer o TTIP, tratado comercial USA-UE a favor das multinacionais, en contra das persoas.

Dereitos laborais, sindicatos, protección social, estado do benestar… para Joan Rosell conceptos que cómpre superar volvendo á modernidade do XIX onde a conciliación laboral estaba garantida: pais e nenos traballando xuntos longas xornadas con soldos moi competitivos para o empresario.

Hoxe a xente visibiliza a descarnada explotación laboral, a quebra do dogma de que os fillos vivan mellor que os pais, a desigualdade que ameaza romper o contrato social, o reparto inxusto dunha tarta que o seu gremio non é quen de aumentar pero da que colle unha porción máis grande.

O futuro soñado por este paradigma da crueldade neoliberal éche unha volta a un pasado onde a maioría vivía na intemperie dos dereitos humanos, a conquista máis grande do s.XX, e dos dereitos laborais que tanto sangue, suor e bágoas costou conquistar.

Postos a buscar receitas para outros, Rosell é incapaz de frear a metástase do cancro que ten dentro: velaí o seu antecesor na cadea. Tamén é cego diante da podremia moral dalgúns empresarios, praga de langosta devorando a economía do país. Xa perdemos memoria dos titulares coa caterva de conseguidores, corruptores ou directamente ladróns manchando o nome do empresariado emprendedor e honrado. Para eles non atopa ningunha vacina.

Malos tempo para a economía de rostro humano que axude ás persoas e non a tafures que pululan polo ermo da economía nacional. Ou pandemia que rompe fronteiras, como D. Trump, campión do medo, da explotación laboral, da precariedade que non permite escapar da pobreza, da semiescravitude laboral, do dereito de pernada, figura simbólica que quere ser real no s.XXI.

Temos un 20% de parados e máis do dobre entre a mocidade, novo rostro da pobreza. Millóns de persoas son prescindibles nun sistema económico que aposta pola competitividade e non pola cooperación. Mónica de Oriol presidenta do Círculo de Empresarios, queixábase de que a lei obrigue a pagar un salario mínimo a traballadores que non valen para nada: desechables que consumen moitos recursos. Non conta, nin ella nin Rosell, aos que valen moito e traballan por nada.

Tentan vivir no s.XXI con ideas do XIX. Quererán aChinar Europa en vez de levar alí o noso modelo? O futuro non é un posto fixo e seguro, di o patrón medieval que paga o seu fastoso presente co traballo dos outros.

Comentarios