Opinión

Patrimonio común

UNHA MINORÍA vaise apoderando da herdanza común, o patrimonio de todos. Oxfam no seu informe mete nun bus a sesenta e cinco hipermillonarios con tanta riqueza como a metade da humanidade.

Volvendo a vista atrás, cando o heroe Eneas e compañeiros troianos arriban ás costas de Italia só piden ao rei Latino aire para respirar, auga para beber e un pouco de terra nunha ribeira en calma. Porque a auga é algo que a todos se ofrece, "nin un vaso quedará sen recompensa". Aire e auga son comúns, un patrimonio que sempre foi de todos. De todos? Non, o mercado está a gañar a batalla contra as persoas privatizando todos os aspectos da vida e transformando en mercadoría toda actividade e valor.

A listaxe do común é máis ampla. Convén recordala pois a cobiza do 1% vai socavando esa herdanza. A saber: o espazo e o aire que respiramos, a auga que corre, o mar e as súas ribeiras, as paisaxes, as obras de pensamento e arte que pasaron a dominio público, o xenoma humano, os raios do sol e a escuridade da noite, a enerxía solar, as especies animais e vexetais, o silencio da natureza. Estes e outros bens comúns terán que ser declarados patrimonio da humanidade.

Coa caída do telón de aceiro e o trunfo planetario do neoliberalismo nos 80 con Thatcher e Reagan, o capital vaise apropiando dos recursos naturais, espazos públicos e propiedades do Estado. Abriuse así a veda para unha oligarquía rapaz coa riqueza colectiva. Oligopolios e multinacionais son insaciables no campo dos coñecementos, patentes, recursos da natureza e mesmo da vida. Coa complicidade dos gobernos que venderon a prezo de saldo empresas públicas e crearon unha alianza estreita con vasos comunicantes de intereses e portas xiratorias coas multinacionais.

Nas tres últimas décadas, as desigualdades disparáronse. Os patrimonios dos riquísimos, xa non o 1%, senón o 0,0001% medraron de xeito xigantesco e a especulación inmobiliaria segregou a cidade rompendo a inclusión social. Ata nos colexios se recoñece ás familias un fantasmal dereito a escoller centro rompendo desde ben cedo a convivencia entre os diferentes e pagando con diñeiro público o clasismo privado.

A cidade, fermosa creación para vivir convivindo, polarizouse ao tempo que a sociedade se rompe e despolitiza. Porque tamén van quebrando mecanismos de distribución como impostos, sanidade, pensións e educación públicas, e esmorece a función mediadora dos sindicatos.

Contra o neoliberalismo e os seus demos como a privatización de todos os aspectos da vida, o quecemento climático e a mercantilización cómpre loitar por un novo paradigma: a solidariedade e non a cobiza, o intercambio e non a competitividade, o respecto á natureza e á biodiversidade e non a depredación. Contra a cobiza do 1%, a herdanza social, o patrimonio común.

Comentarios