Opinión

Un país rico en matices

VELAQUÍ O País das Dicotomías. Ou Estado de alarma ou barra libre. Centralismo ou taifas. Espidos ou burkas. Touros ou mascotas. Constitucionalistas ou separatistas. Ou iso de socialismo ou liberdade sen ter claro que é liberdade ou socialismo. Onde xente da comunicación afastada do xornalismo pastorea correntes de opinión. Crean fake news, realidades paralelas e copan máis espazo. ¿Para que quedar desfalecido na procura da verdade do filósofo grego, se disparan verdades en titulares grosos e pensamentos desnatados para cerebros perezosos?

Os dogmas non removen as neuronas. As dúbidas son máis traballadoras e desasosegantes. E vai resultando arriscado falar, opinar, debater nun presente minado de intolerancia. Rememora a pintura negra de Goya: dous brutáns a fungueirazos. Tamén hoxe hai quen defende ideoloxías con berros e non con razoamentos. Ao final, as dúas Españas que xeaban o corazón de Machado. Esta España, máis rica e tolerante e democrática, é capaz de se enfrontar aos demos do odio e da intolerancia que andan soltos. Un país sen matices é máis pobre e fráxil fronte aos cabalos de Atila. Puxeron en perigo a democracia antiga e forte de EE.UU., e ameazan a nosa, tan recente.

Axuda a construción da conciencia europea, poderosa unidade que defende a maioría de partidos. Paraugas que acubilla nesta pandemia, con multimillonarias axudas para os países máis golpeados, como o noso. A matria Europa está a salvarnos de nós mesmos.

As redes sociais que ían unir e achegar, ás veces semellan cloacas por onde esvaran ideas que calcinan. Fronte a elas ergue a voz o mellor xornalismo, o das ideas pausadas e razoadas. Sen xornalismo non hai democracia. Pero hai medios onde a liberdade de prensa éche a vontade do dono da imprenta. Non permiten matices, apostan pola intolerancia. Con titulares, enquisas, editoriais previsibles, na procura dunha cidadanía previsible. "Un país en liberdade pero sen mulleres nin homes libres?", preguntaba Indro Montanelli na Italia do grotesco Berlusconi. Vale para nós.

"A liberdade de expresión só ten sentido cando hai liberdade de pensamento. Degrádase se sirve para dicir parvadas", avisa E. Lledó. De aí a importancia de crear liberdade intelectual e capacidade de pensar.

España é país complexo e rico. Na banda ancha da democracia colle case todo. "Detesto as túas ideas pero daría a vida para que teñas a liberdade de defendelas", di Voltaire. Nin amparados pola xustiza, os insultos, ameazas, acosos son liberdade de expresión senón sentimentos de odio.

É tarefa urxente apostar pola tolerancia, é dicir, o respecto polas ideas, crenzas e prácticas diferentes ás nosas. Nun país con todas as cores ideolóxicas do arco da vella. Tan rico en matices.

Comentarios