Opinión

'Ozymandias' e o planeta

Ozymandias, estremecedor soneto do poeta P.B. Shelley. Describe a fugacidade do poder humano e a soberbia do rei ficticio. Agora, unha estatua rota semienterrada na area do deserto. "¡Mirade as miñas obras e rabiade, oh potentados!". Pero, ai, as murallas e palacios do poderoso rei desapareceron. As ruínas son testemuña da riqueza desaparecida, do antigo poder. A memoria dos sátrapas está feita de pedras rotas.

Na historia, vellos imperios desaparecidos, civilizacións medraron nas ribeiras dos ríos. Porque deterioraron o medio ata facelo invivible. Pola deforestación e perda de fertilidade da terra. Pola destrución do hábitat, problemas de erosión, secas. Pola mala xestión da auga, recurso vital. A excesiva presión da especie humana e o colapso de sociedades con problemas ecolóxicos esgotaron os recursos. Atemoriza pensar o pouco que aprendemos do pasado, dos Ozymandias que nos precederon. O que pode pasar co cambio climático, co carpe diem que non planta árbores para os netos. Ningunha gobernanza é quen de frear a destrución dos bosques boreais e os incendios masivos nos pulmóns do planeta. O incremento das temperaturas e a escasez de alimentos polas secas multiplica os conflitos.

Científicos e investigadoras avisan de catro grandes problemas. Un, o cambio climático de autoría humana. Dous, as agresións químicas ao medio e a masiva sementeira de plástico en ríos e océanos. Tres, o esgotamento dos combustibles fósiles que moveron o mundo e a lenta substitución por renovables. E catro, a destrución da capa vexetal e dos bosques pola cobiza humana. Luces vermellas avisan da urxencia de resolver esas grandes ameazas ou o noso futuro no planeta será ben triste.

Cómpre volver á sabedoría tan humana da carta do indio Seattle ao presidente USA, e aos nosos gobernos e sociedades: "Somos parte da terra e a terra é parte de nós". Se non se respecta a terra, a vida termina e empeza a supervivencia.

Algo temos aprendido do pasado. Contamos con máis coñecementos sobre o medio. Temos unha poderosa tecnoloxía. Así, a medicina foi capaz de se enfrontar a virus e bacterias que asolaron millóns de vidas no pasado e no presente. A globalización tamén é conciencia de pertencer a unha única familia nunha casa compartida. Temos fondo coñecemento da historia, dos colapsos de civilizacións, tamén dos acertos dos antergos. E a obriga moral de aprender do pasado, vivir o presente, preparar o futuro que non nos pertence pero do que somos responsables.

En El bosque infinito A. Proulx alerta da idea equivocada de que os recursos e os bosques son inesgotables. Aprendemos da emocionada carta dun xefe indio. Ozymandias mostra o futuro da soberbia humana: as pedras rotas dunha estatua. O naufraxio do planeta na area infinita, solitaria.

Comentarios