Opinión

Os fornos do odio

LEMOS: CANDO miramos Auschwitz só vemos o punto final do proceso. Pero convén recordar que o Holocausto non empezou coas cámaras de gas. O odio xerouse gradualmente, a partir das palabras, estereotipos, prexuízos, coa exclusión legal e a deshumanización do outro. A historia é coñecida. Nazismo, campos de concentración, apartheid dos guetos e unha escalada de violencia que puxo en perigo ao mundo e destruíu Europa.

Abonda unha mirada aos xenocidios que alfombran a historia. O intento de exterminio da etnia tutsi polo goberno hutu de Ruanda en 1994. Un millón de persoas asasinadas, o 70 % tutsis. Aínda resoa o combustible do odio vomitado pola Radio das Mil Colinas. Ás veces eses estalos recordan a Lei de Linch. En Arxelia unha masa descerebrada, fanatizada polo odio, confunde cun incendiario e queima vivo a un músico que axudaba a apagar os xigantescos lumes na Cabilia.

As casas da palabra, Senado e Congreso aparecen nos medios como lugares inhóspitos, agresivos, intolerantes. Tanta violencia verbal asusta á xente do común, afasta da política e alimenta con combustible verbal os fornos do odio. Volven etiquetas esquecidas nos faiados da peor memoria colectiva: ¡comunista! ¡franquista!, ¡filoetarra!, ¡fascista!, ¡separatista!, esa cotra que perdeu significado pero non capacidade de ofensa. ¿De verdade collen en tan altísimas institucións algúns tipos tan primarios e con cerebros tan desamoblados?

O fanatismo dos odiadores atopa barra libre e multiplícase nas redes, en certas tertulias. Semellaba impensable que se apoderara dos lugares sagrados da palabra, do logos, da dúbida razoable que nos fai humanos. As ondas concéntricas do odio sementado chega desde á estampida de ‘búfalos’ que arrasou o Capitolio USA, ata a Sede dos Tres Poderes en Brasilia asaltado por unha turba bolsonarista. Nas turbamultas fallan as matemáticas: a intelixencia da masa non é a suma de cerebros individuais.

Somos herdeiros da palabra, pero tamén da intolerancia, virus de difusión masiva. O vandalismo verbal incendia á feligresía de partidos transmutados en sectas. Sabemos onde se inicia, pero ignoramos se convertirá en cinza o bosque social da convivencia.

A política e os parlamentos ás veces convértense ern tabernas vociferantes, garderías gritonas, teatriños de marionetas excesivas. Os elementos de contención das institucións non parecen funcionar contra matóns nas tribunas, Eratóstratos que incendian os templos da democracia. Xusto cando necesitamos aos mellores, máis sensatas e menos covardes, aos máis dialogantes e ás que teñen o cerebro mellor amoblado. Conscientes de que a mellor política é a que resolve xuntos os problemas de todos. A non a que acirra o fanatismo extremista. Antonte en EE.UU., onte en Brasil, ¿mañá?. Nos fornos do odio.

Comentarios