Opinión

Desde os ollos máis novos, a cidade

A cidade de todas, de todos. Non agradeceremos abondo ao lúcido e combativo pedagogo italiano, F. Tonucci, a súa loita pola humanización da cidade. Desde a altura dos ollos infantís. Agora está feita á escala dos coches privados que ocupan un excesivo espazo público á hora de circular e aparcar. A barra libre a favor do coche provoca contaminación e estrés. Ruído, velocidade e inseguridade para os máis fráxiles: vellos, nenos.

A cidade do futuro, utópica, de estatura humana está máis cerca. Urbanistas e políticos locais tentan, asisadamente, construír outra cidade. Desta volta, con estatura humana. Para cidadás, cidadáns, nenas, avós. Onde volva a estampa amable, esquecida, dos cativos camiñando e xogando sós. Seguros e non atrapados polos medos dos adultos. A carón dos iguais viven convivindo, aprenden mellor.

Política, colexios, familias, asociacións, medios son responsables de impulsar outro modelo de cidade máis achegado á cidadanía. Téntase reducir a velocidade dos coches nos ámbitos urbanos. Tendo claro que o excesivo espazo que monopolizan é propiedade social.

Na cidade non viven coches, viven persoas. Por iso búscase a peatonalización de espazos máis amplos para unha cidade máis lenta e amable, recuperando o protagonismo da familia ampla que é a veciñanza onde todos coidan de todos. A presión excesiva do coche privado, o abandono de barrios ou dos centros históricos a bandas de matóns degrada a cidade e envelena a convivencia.

Urxe recuperar rúas e prazas como espazos para o paseo, o xogo infantil, a palabra. Onde nenas e nenos poidan vivir en liberdade, sen adultos, e máis aló da ameaza dos coches. Onde poidan ir andando á escola e non no colo dos coches. Con itinerarios seguros, rúas peatonais contiguas, espazos de xogo, beirarrúas amplas, illas de espazos humanizados. A súa presenza nas rúas rompe co maltrato por soidade dentro das casas, con omnipresentes pantallas e videoxogos, coa falta de ar limpo. "O aire da cidade fainos libres". Respirado polos máis pequenos, ese aire fainos mellores, máis próximos.

Cómpre recuperar espazos de propiedade pública usurpados por vehículos privados. Con carrís bici seguros. Pechando ao tráfico un maior número de rúas domingos e festivos para potenciar a convivencia, o encontro, o xogo infantil. Parques infantís abertos, sen valados, imaxinativos e non gaiolas de hámsters, integrados na cidade, onde poidan explorar a carón dos iguais.

E apostar por unha escala humanizada da cidade deixando atrás o deseño inhóspito, contaminante feito para coches. A fin de contas a súa saúde ecolóxica ésta en relación inversa á presenza de coches nas rúas. Onde aprendamos a mirar, imaxinar, construír á cidade desde a altura dos ollos máis novos.

Comentarios