Opinión

Oda da Alegría por Europa

O DÍA que contemplou a deserción de Inglaterra foi de derrota para a UE. Fracaso triste para Europa, tristísimo para Inglaterra. Permanecerán moito tempo rescaldos de rabia contra tafures e irresponsables políticos. E preguntas: como só un 35% de votantes rurais e maiores, cheos de medos inoculados, engaiolados con promesas, puido provocar o terremoto que sacude Europa. Non habería que ir a maiorías reforzadas en temas fundamentais como este, ou como os delirios independentistas dos ricos? Como aceptar que o pesimismo e a xenofobia de tan poucos poña en risco a máis xigantesca conquista ideolóxica, económica e democrática do s. XX?

Europa enfronta de novo preocupacións polo hipernacionalismo que desembocou nas dúas orxías de sangue do século pasado. Fronte a ese pesadelo xurdíu a luminosa creación europea apostando por un futuro supranacional baseado na fermosa utopía da igualdade, liberdade e fraternidade.

Dese futuro que xa empezou, borrouse a Inglaterra que axudou a vencer a besta parda do nazismo, embaucada agora polos trampulleiros do Brexit, enfeitizada con delirios imperiais.

En países do Leste Polonia e Hungría, prende a cizaña populista que aposta por un nacionalismo supremacista, xenófobo e suspicaz contra a democracia liberal. Cada día máis afastados dos valores europeos e máis cerca dos ataques iliberais contra institucións europeas. Iso si, prendidos aos tetos dos euros. Os populismos que xorden aquí e acolá son un grave perigo: enganan ao pobo pero, ao fin, reforzan ás élites.

Volve a poderosa figura de G. Steiner e a súa idea para Europa. A dos cafés rebordantes de palabra, onde se filosofa, conspira ou escribe poesía. A das paisaxes de estatura humana, que non aíllan, achegan. A dos grandes nomes do pasado que permanecen vivos nos rótulos de rúas e prazas, recordando que somos futuro pero tamén memoria. A da razón e a fe, laica e relixiosa. A de Sócrates e Xesús de Nazaret. Europa, fronte aos novos bárbaros do odio, populismos e xenofobia. Feliz Quixote loitando contra os muíños de vento dos odios étnicos, dos nacionalismos excluíntes, do pesadelo do uniforme cultural que impón a globalización e o despotismo do mercado. Neste estreado 2021 soa, como soou desde que se creou Europa, a Oda da Alegría, o 4º mov. da 9ª de Beethoven. Un símbolo de esperanza e liberdade. A portentosa Coral éche o Himno da mellor Europa. A dos valores democráticos. A dos Dereitos Humanos. A Europa laica das Luces. Porto de arribada de desposeídos e derrotados. Contrapeso necesario fronte a xigantes como USA ou China. A máis portentosa creación histórica e democrática.

Sempre que soa a Oda de Schiller, coa música que Beethoven só podía escoitar no seu cerebro, soará o Himno da fraternidade universal. Por Europa.

Comentarios