Opinión

O rei da creación

SEDE FECUNDOS e multiplicádevos. Enchede a terra e sometédea. Dominade nos peixes do mar, nas aves do ceo, en todo animal que serpea e en todas as árbores e as herbas verdes». Gen 1, 28.

Quen escribiría isto? Porque Deus non se pode equivocar tanto. Xusto agora cando os científicos alertan da 6ª extinción de vida no planeta. A anterior ocurríu hai 65 millóns de anos e acabou cos dinosaurios. Agora sabemos que nos últimos cinco séculos desapareceron 322 grandes especies. As pequenas teñen a mesma importancia pero nunca soubemos contalas. O actual atentado contra a vida e a acelerada destrución dos ecosistemas está a ocurrir diante dos ollos e pon en perigo ao 60% dos grandes mamíferos. Da masiva extinción actual hai un responsable: a especie humana, o Rei da Creación, malversador da súa herdanza, asasino da natureza. A mala noticia é que a acelerada perda de hábitats e o cambio climático condena á desaparición a gran parte da fauna. A boa noticia é que podemos revertir o proceso.

En ‘La primavera silenciosa’ de R. Carson lemos que a sementeira de pesticidas, insecticidas, ao fin biocidas que matan insectos e paxaros, condenan ao silencio bosques e pradarías. A traxedia é que os sons dos seres vivos, a súa alegría de vivir, voces e cantos só poidan sobrevivir engaiolados en documentais.

Resoan outra vez as palabras da carta do indio Seattle o presidente USA denunciando a rapacidade do home branco que nunca aprendeu a convivir coa natureza. Como resoa ‘El bosque infinito’ de A. Proulx, saga dunha familia de madereiros ao longo de tres séculos ou a historia da rapaz destrución dos infinitos bosques boreais. Aquí, á sabedoría lenta de carballos e castiros sucede a cobiza actual: árbores para os netos ou apostar polo monocultivo depredador do eucalipto. En ‘Qué le está pasando a nuestro planeta’ T. Juniper conta que mentres os indíxenas preservan o bosque no que viven, nós mirámolo desde fóra e só vemos mobles de madeira.

Porque agora xa sabemos que é a especie humana a que modela a terra e cambia os ciclos vitais do planeta. A maioría da megafauna está ameazada: o 97% dos mamíferos terrestes son os humanos e os seus animais domésticos, e só o 3% é fauna salvaxe. En ‘Homo Deus’, Y. Harari fala do Antropoceno ou a ditadura da especie humana no planeta.

Cambio climático, perda de hábitats, guerras civís, caza e pesca ilegal, deforestación son pezas do puzle sinistro. Estabamos evaluando a gravidade da desfeita cando chega á presidencia USA un tal Trump rodeado de plutócratas, donos do petróleo e negacionistas do cambio climático. Con el todo pode ir a peor porque non sabe que non sabe.

A Biblia convenceu ao home de que era o rei da creación. Agora está desnudo e pode acabar como un mendigo.

Comentarios