Opinión

‘O povo é quem mais ordena’

COA BOCA grande ponderan os nosos políticos a soberanía popular. Afirman con énfase que o poder emana do pobo. Pero só se os resultados das eleccións son favorables. Porque resulta que a vontade popular é así de líquida á hora de elixir representantes. Certo que hai bloques de votantes inmunes a todo cambio, máis cerca do dogma que da política.

A vontade popular expresouse así o 20-D, e non doutra maneira. O voto dividiuse, obrigando aos dirixentes a facer gala de infinita intelixencia e capacidade de negociación para crear unha sutil taracea de pactos que goberne o país.

Hai, claro, a tentación de dicir en voz baixa que a soberanía popular equivocouse. Hai gobernantes que se poñen de perfil a esperar que escampe, que outros se esnafren. Que a soberanía popular volva a examinarse de eleccións ata que aprobe. Apostan polo tacticismo e polo xogo de tronos onde sentan tafures, e non pola política.

Esa soberanía quitou un voto de cada tres aos conservadores. E castigou aos socialistas que perderon un de cada cinco pero deixaron nas súas mans a posibilidade de formar goberno, de negociar no medio dun tsumami de presións de Bruxelas, dos donos do diñeiro, das propias filas. Hai partidos que en lugar do carné levan navallas na bota.

Hai outros protagonistas no xogo da política. Espérase do partido emerxente progresista que deixe os platós, onde tan fácil é prometer, amañar problemas, e baixe a picar pedra na canteira da realidade. Lixeiro de equipaxe. Que todos os votos democráticos valen o mesmo e na soberanía popular non hai votos ‘pata negra’. Doutro partido novo espérase a ver se é oferta renovadora ou marca branca do conservadurismo de sempre á espera de volver ao rego.

O 20-D o pobo dixo que estaba farto do turnismo. Do quítate ti que me poño eu, saca aos teus que veño cos meus. Tampouco quere maiorías absolutas que acaban na degradación política e na cloaca moral, pan noso de cada día. O sistema político non pode ser refuxio para indecentes, para corruptos amparados na impunidade ou no aforamento, como o deputado desvergonzado que atopou no Congreso o mellor sitio para agacharse.

Farto estaba, conta a lenda, o emperador do Sacro Imperio do escándalo dos antipapas na cristiandade. Ata que pechou aos cardenais nun castelo incómodo coa comida taxada. O sacro colexio cardenalicio chegou a un acordo en pocos días, rematando con anos de división. Tampouco faltan nas Españas mosteiros, pazos e castelos incómodos onde sentar aos deputados ata que acorden o mellor para o Estado e poñan a soberanía popular por riba dos seus intereses.

Para que non manden os apparatchiks dos partidos, ou o neoliberalismo de Bruxelas, ou o poder escuro dos cartos, cómpre recordar o verso do fermoso himno de José Afonso: ‘O povo é quem mais ordena’.

Comentarios