miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

O mundo é un caixón de xastre

ENTRAMOS NO ano pola mesma porta xiratoria pola que abandonamos o ano anterior. Se o xiro é de 360 graos, volvemos ao punto de saída. Xa se encargan os medios de fotografar tres dos grandes problemas do noso pequeno mundo: cambio climático, terrorismo internacional, crise dos refuxiados. Somos o que lemos. E a lectura de imaxes, titulares, noticias marcan a nosa vida.

A intensificación do terrorismo internacional resulta incomprensible. Tantas potencias loitando contra trinta mil fanáticos medievais armados ata os dentes con credos de odio, e con armas desas potencias. Debaixo dese credo hai problemas de inxustizas sedimentadas que non se resolven a bombazos. O do 'Ollo por ollo, dente por dente’' aboca a un futuro de cegos e desdentados. Por iso os máis lúcidos apelan á cooperación entre Estados, ás axudas internacionais e a reivindicar o papel da Onu, hoxe ninguneada polo matonismo das grandes potencias.

Refuxiados é palabra de moda e triste realidade do fracaso global. Os bombardeos destrúen pero non constrúen estabilidades. A baixada brutal de prezos das materias primas e do petróleo impiden a países enteiros vivir con dignidade. Cronifícanse guerras onde as vítimas case sempre son civís, case nunca son guerreiros. E a xente escapa dos múltiples infernos do mapa. Cara a Europa. Cara a ningures.

En 2015 o mundo asistiu á peor crise de refuxiados desde a 2 Guerra Mundial. Un éxodo bíblico sae de Irak, Siria, Libia, Afganistán. Os analistas sinalan que o problema agravarase: hai millóns de persoas retidas en Líbano, en Turquía, no cárcere invivible da Franxa de Gaza. Se poideran tamén se sumarían á procesión dos desesperados cara a Europa, a das dúas caras de Jano. A mellor: a dos dereitos humanos, a democracia, a separación entre política e credos relixiosos. E a peor: a xenofobia, o egoísmo económico e a insolidariedade humana.

E o cambio climático. Agora os expertos xa falan de caos climático que incendia a España húmida e permite sentar nas terrazas da Praza Roxa de Moscú e correr por Central Park. En inverno. A España de ventos e soles, ou o país choqueiro con impostos ao sol. O Cumio do Clima reúne en París aos líderes mundiais e todo queda en evanescentes recomendacións de obrigado incumprimento polos grandes emporcalladores, USA e China. Somos incapaces de poñer data de caducidade ao petróleo e o carbón, motores sucios que moven o planeta.

O terrorismo de fanáticos medievais, o cinismo dos bobos reunidos en París para esbardallar sobre o clima e as migracións masivas dos refuxiados fuxindo de guerras, pobreza, caos climático. Tres problemas fondamente imbricados. Velaí as tres caras que asoman no caixón de xastre onde os culpables temos a obriga de atopar solucións.

O mundo é un caixón de xastre
Comentarios