Opinión

O dono da imprenta

Do pesimismo da realidade: «A liberdade de prensa éche a vontade do dono da imprenta»… ao optimismo da vontade: sen xornalismo non hai democracia. Grandes medios caen en mans poderosas, resisten os locais, os das cousas veciñas, importantes. E quixotes dixitais loitando contra muíños de vento, o que sopra sempre a favor de.

Miramos atrás na historia e vemos a copia manual que chegaba a poucos. Agora, esta explosión dixital, milagre de panes e peixes que alimentan á inmensa maioría. Despois dos amanuenses foi a imprenta de Gutenberg, o orfebre alemán que no XV revolucionou a comunicación. Fito na historia para difundir ideas, democratizar aprendizaxes, impulsar economías. Revolucionaria imprenta, perigosa para o poder, esperanzadora para moitos. As teses de Lutero, por exemplo, imprimíronse un cuarto de millón de veces en poucos anos. A tecnoloxía de impresión masiva, inimaxinable poucas décadas antes, transformou o mundo e acelerou a historia.

Agora outro fito: dixitalización e redes sociais. O dono da imprenta son millóns de individuos. Un móbil, un ordenador, unha táblet transfórmanse en masivos altofalantes.

Aquela imprenta medieval, esta tecnoloxía dixital, afastadas no tempo pero con paralelismos á hora de transformar o mundo. Para mal, temen os apocalípticos. Para ben, aplauden os integrados. Outra vez ‘virtus in medio est’ escribe Horacio ao seu amigo Lollio e a todos nós. Internet, as redes sociais están a cambiar o ecosistema da comunicación. As mensaxes chegan a miles de millóns ata o último recuncho.

A revolución da imprenta foi lenta. A dixital, vertixinosa. As fronteiras do coñecemento dilúense. A comunicación democratizouse e viaxa de moitos a moitísimos se os contidos son valiosos ou escandalosos ou significativos. E sen permiso do dono da imprenta.

As redes son canles de información ou de denuncia. Son foro de opinión e praza de protestas. Serven para controlar aos poderes e para participar na vida pública. Para ser máis e máis libres. Poderosa ferramenta a favor da democracia, crean lazos na familia humana e axudan a compartir coñecementos. Pero tamén teñen cara b. A do escepticismo e o pesimismo. Capaces de producir fracturas políticas e sociais. Nas mans de vendedores de odio e fabricantes de mentiras convértense en cloacas. Aspectos tan positivos, sombras tan negativas.

Asusta que os populismos sexan máis activos e eficaces contra a democracia liberal. Minten, confunden, incitan ao odio con eficacia e infinito entusiasmo. A onda expansiva do simplismo arrasa nas redes. O racional e o democrático, lento e pausado, compite mal contra o ruído e a furia mediáticas. Os populismos poden derrubar a democracia pero son incapaces de construír unha alternativa mellor. E non son os donos da imprenta.

Comentarios