Opinión

O clima é un ben común

DESDE O espazo, no planeta non se ve letreiro ningún que poña propiedade privada. Cando o foco da cámara se acerca, obsérvanse zonas privatizadas cada vez máis amplas. As liñas dos continentes, as fronteiras vanse cubrindo coa densa arañeira de multinacionais máis grandes e con máis poder que a maioría dos países. De aí a reivindicación urxente da propiedade social, do que pertence a todos.

O ar é ben común e ninguén ten dereito a apropiarse del para envelenalo, para substituír esa mestura de gases que move os motores da vida. A auga é común. A auga era común. Agora, privatizada, ten un prezo excesivo. A auga doce, ben escaso e ameazado, estará no embigo das liortas futuras. Onde hai auga late a vida, onde falta a vida tamén migra. Onde non falta, a auga que máis contamina é a embotellada: sementeira de plástico.

Cousas do ben común son ameazadas polo poder e o diñeiro. E pola ignorancia culpable dos negadores do cambio climático que está a borrar as paisaxes, propiedade social que ninguén ten dereito a privatizar, as liñas de costa, os bosques primarios, os grandes mamíferos, tanta bicharada miúda, glaciares, arrecifes de coral, delicados ecosistemas que sosteñen as columnas do planeta e permiten o fráxil equilibrio da vida.

Sobre a evidencia do cambio climático alertan os científicos. A profesora Mary Wood emprega esta parábola: "Viaxamos no asento traseiro do coche cos fillos e netos. O condutor é un tal Donald Trump que dirixe o coche cara ao precipicio. Ante o que ten diante non frea, acelera. Queremos que a policía deteña o coche antes de precipitarse?".

O ben común está a ser ignorado pola cobiza e a ignorancia culpable duns poucos con moitísimo poder. Por iso resulta esperanzador que no país do excesivo Trump vinteún rapaces leven a xuízo ao goberno polo cambio climático. Kelsey Juliana contra os EE.UU. de América. Demanda ao goberno porque provoca deliberadamente o cambio climático e pon en perigo o dereito constitucional á vida. Orixe da demanda: os recursos naturais non son propiedade privada senón pública. O goberno ten que xestionalos hoxe e tamén para xeracións futuras. Fronte a eles, Trump: "O cambio climático é unha farsa!" berra. E cun inmenso poder político e económico pon en risco a vida do planeta, provoca a migración masiva dos máis vulnerables e a desaparición de pequenos países illados no océano.

Os dereitos medioambientais son un dereito humano. O cambio climático vai afectar a eses vinteún rapaces que representan a mocidade do futuro. A Onu acabará recoñecendo o estatuto de refuxiados climáticos. A terra, dicía o xefe indio Seattle, non é nosa, é herdanza dos fillos. Deles, de todos os seres vivos é a terra e a auga, o aire, os recursos, as paisaxes. E o clima, un ben común.

Comentarios