Opinión

'¡Non tires as bulsas de plástico, cómeas!'

O sarcasmo do profesor universitario reta aos alumnos: ¡Non tiredes as bulsas, é mellor cociñalas e comelas! Total, acabarán nos bandullos dos que camiñan, nadan, reptan, voan e ¿pensan?

Comemos, comeremos microplásticos. Hai unha abondosa colleita de bulsas no lixo. Se aquí vemos tanto plástico ao carón, como será onde ninguén se preocupa polo lixo nin por contedores selectivos. Hoxe fabricamos 25 millóns de toneladas de plástico, en 2050 será o dobre. Os maiores produtores deste material barato, útil, eterno, omnipresente son os gargantúas do consumo: China, EE.UU., India, a UE. A pesar das campañas, reciclamos pouco. Moito vai ás incineradoras e aos verquedoiros, portas aos ecosistemas veciños. Outro terzo acaba nos ‘ríos que van a dar en la mar’. E alí, nas encalmadas dos alisios crean illas flotantes ata que a acción das augas convérteas en microplásticos, despensa tóxica que envelena as criaturas do mar. Acabarán no bandullo dos peixes que comen outros peixes que comemos nós. Tiña razón o profesor, mellor aforrar as bulsas a azarosa viaxe do plástico.

O recente verquido de pellets na costa galega é anecdótico. O mar é un verquedoiro insaciable de plástico que fabrica, compra, transporta e ás veces perde alguén. Ao final ninguén paga. Dos 2.500 millóns de euros que custou a traxedia do Prestixe hai vinte anos, apenas recuperamos 50. Hoxe, os voluntarios limpan praias pero os temporais sepultaron un mar de bágoas plásticas na area e nos cantís. Mentres os gobernos dedicábanse con entusiasmo a botar as culpas a.

As bulsas fanse de pellets. Na tenda, no súper, no híper, nos centros comerciais e loxísticos todo está forrado de plástico. Móbiles e chismes electrónicos son de plástico. Leite, galletas e champiñóns vístense de plástico. A auga que máis contamina, a embotellada, é de plástico. Iogures e roupa viven no plástico. Plástico no salmón afumado, nas ‘litronas’ de cervexa barata. As peitugas de pavo e polo gárdanse en plástico. Pellets reconvertidos cobren preservativos e patacas fritidas. O cepillo de dentes e as vasoiras, as infinitas cremas e ata as bulsas de lixo son de plástico. Os estantes dos produtos que acompañan a nosa vida vístense de plástico. Con sorte acabará no contedor, no verquedoiro, nos ecosistemas veciños ou neses ‘ríos que van a dar en la mar…’

En 2019, 22 millóns de toneladas acabaron na natureza, a maioría en forma de microplásticos. Sen medidas drásticas medrarán un 50 por cento entre 2020 e 2040. Onde mellor reciclan o plástico é nas benintencionadas campañas publicitarias, o resto vaino deglutindo a natureza fóra dos tempos humanos.

Mellor comer bulsas salpimentadas de pellets. Aforrariamos ríos de plástico, paisaxes de plástico, océanos de plástico cubrindo a pel do planeta. 

Comentarios