sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

O Nobel da Paz para Nadia, para Denis

VINTECINCO ANOS. Nadia Mirad. Muller nova, activista iraquí de orixe yazidí, minoría relixiosa kurda. A súa historia é recente. Limos detalles do martirio yazidí a mans de matóns dun credo de odio e de morte. Nenas e mulleres vendidas como trofeo para guerreiros fanatizados, algúns deles nacidos e educados en países occidentais. Consideran a escravitude das mulleres e a violación antesala do seu paraíso. Esta Nadia, escrava sexual dunha horda do estado islámico vén de recibir en Oslo o Nobel da Paz. Da as grazas e reclama en voz alta que estes criminais de guerra sexan perseguidos e castigados. Con amargura recorda que se foran pozos de petróleo ou cargamentos de armas e non mulleres, os Putin e Trump de turno non aforrarían esforzos para rescatalas.

Vemos o seu rostro. Perdeu á nai e a seis irmáns. É o rostro das 6.500 mulleres yazidíes subastadas de acordo coa idade e atractivo sexual, vendidas e abusadas. Faltan, en paradeiro descoñecido, outras 3.000. O xenocidio da minoría yazidí non se soluciona coa moción das bágoas, coa piedade que esperta esta muller.

Desde o balcón en Oslo, saúda á xente que aplaude. Porque ao seu carón, hai un home bo e xeneroso, Denis Mukwege, congoleño de 63 anos, tamén Nobel da Paz. Traballa como médico no xigantesco país que semella vivir no corazón das tebras de Conrad. Un caos perverso e organizado, di. Máis de seis millóns de mortos, catro millóns de desprazados. E centos de mulleres violadas, como arma de guerra.

Esta humillación á metade da familia congoleña, esta masacre, este maltrato dura xa dúas décadas e ocorre á vista de todos. Pero os negros son invisibles para a comunidade internacional, para os donos do mundo.

O doutor Mukwege quedou e traballa no seu país. Recorda os ataques, os bebés violados polo salvaxismo do caos que vive o Congo. Velaquí o paradoxo: as facultades africanas forman médicos que acaban curando en Europa, mentres enviamos desde o mundo rico unhas ducias de médicos en benintencionadas Ong, faragullas caritativas.

Tamén Denis agradece o premio, e reclama como Nadia que os responsables de tanta dor sexan perseguidos. Só unha decidida loita contra a impunidade pode romper a espiral da violencia que castiga aos máis febles, nenos e nenas, mulleres violadas.

O martirio do Congo vén de lonxe. Percorreu un camiño de señores da guerra e ditadores. Recórdese aos belgas e ao rei Leopoldo II, responsables de entre dez e vinte millóns de mortos e mutilados mentres chuchaban recursos que enriquecían e calzaban o progreso do pequeno e rico país europeo. A un prezo brutal: minas, caucho, maltratos, escravitude. Morte.

Os aplausos aos premiados co Nobel da Paz non poden silenciar a dor da vítimas. As voces de Nadia e Denis están aí, para recordalo.

O Nobel da Paz para Nadia, para Denis
Comentarios