Opinión

Nicaragua, a palabra asasinada

AOS CREDOS crueis non lles gusta a palabra. A palabra repensada, meditada, o logos dos gregos. Por iso hai que acoitelala. Véxase a fotografía de Salman Rushdie: un cristal negro das gafas tapa o ollo que falta. Silenciado o escritor, silenciadas as palabras. Véxase a clérigos medievais en Irán, talibáns en Afganistán asasinando con dogmas a palabra. Expulsando ás mulleres da vida pública, dos dereitos humanos, E da universidade, onde os cerebros se alimentan de palabras, armas de destrución masiva da ignorancia, dos fanatismos e por iso hai que silencialas. Ou aos ditadores Nicaragua, os Ortega e as Murillo, expulsando do país e arrincando das súas raíces a Sergio Ramírez, premio Cervantes, a Gioconda Belli, a Sofía Montenegro, a xornalistas que exercen de xornalistas. Para silencialos. Para asasinar a palabra de escritores, activistas culturais, políticos. Periodistas como Lucía Pineda ou Carlos F. Chamorro exercían en Nicaragua a perigosa profesión do xornalismo cando se enfronta ao poder e as súas corrupcións. ¿Onde quedan os tempos de gloria cando un político tremía diante da pregunta aceirada dun xornalista? Agora hai sátrapas que os expulsan da profesión e da vida. ¿Qué queda do país cando o poder silencia a escritores xigantes recoñecidos internacionalmente? E ata bispos como Silvio Báez e Rolando Álvarez, crentes dunha fe que di: No principio foi a Palabra.

Vemos a imaxe terrible de Salman Rushdie despois do atentado. Acordámonos de H. Arendt ou a banalización do mal daquel nazismo que queimaba libros. A palabra impresa foi durante séculos patrimonio exclusivo de élites educadas e privilexiadas. Agora está ao alcance de todos. Na maior parte dos países as palabras libres están ameazadas. silenciadas, asasinadas. Só oito de cada cen persoas no mundo viven nunha democracia consolidada.

Perséguese e encarcera a heraldos da palabra e xornalistas que non calan diante do poder. Aténtase contra novelistas e escritores de voz audaz e libre. Castígase a poetas e poetisas con versos como armas cargadas de futuro. Mentes libres, millonarias de palabras, que se enfrontan a monstros dun poder que monopoliza medos e silencios: ditadores, clérigos de dogmas crueis, autócratas, ese tsunami dun mundo que semella ansiar líderes fortes que controlan aos caladiños, alleos á palabra.

Os donos do poder e da morte dictan o que se pode dicir ou merece ser escrito. Pero a liberdade de expresión aliméntase de palabras libres. Por iso son amezadas, acoiteladas. Se matan aos que mellor escriben, asasínannos a todos. Se silencian as voces ceibes, todas somos escravizadas. Se exilian as palabras, todos acabaremos mudos e xordos. Como en Nicaragua, onde expulsan as voces máis libres. Onde as palabras son apátridas.

Comentarios