Opinión

Nicaragua no inferno de Dante

"Lasciate ogni speranza voi ch’entrate" sobre as portas de Nicaragua Nicaragüita. Finca do ex-comandate ex-sandinista e a súa dona, extraña parella que devora o país e as xentes. Daniel Ortega e Rosario Murillo, ‘Rosario Ortega e Daniel Murillo’, versos dun poema de desesperanza: "¡Miradlos, qué viejos son!/¡Qué viejos son los lagartos!".

Mentres, a xente sobrevive na mala vida imposta, entre o pesimismo, a incredulidade e a desesperanza. Ata o 70% da poboación, segundo a enquisa Gallup, decátase de que o país vai por rumbos equivocados baixo as poutas da ditatorial parella.

O país, agora invivible, amordazado polo medo e a represión, importa pouco máis aló das fronteiras. Orfos das e dos mellores expulsados da patria, perseguidos, encarcerados, e ao fin, privados da nacionalidade nica. Entre eles, o noso Sergio Ramírez, premio Cervantes; a poetisa Gioconda Belli. As defensoras dos dereitos humanos Sofía Montenegro e Vilma Núñez, xornalistas, políticos, activistas, profesionais que fóra deixan desvalido o país dentro. A última diana é a Igrexa católica: por fin conseguiron expulsar un símbolo da resistencia, monseñor Rolando Álvarez, outro bispo e 17 sacerdotes detidos en Nadal. Expulsados do país e da nacionalidade con acusacións propias de satrapías caribeñas: traizón á patria, co coñecido vademécum: sofocar voces incómodas, persecución social, cárcere. E expulsión, despois de lles roubar vidas, bens, casas, cidadanía. Mentres, vaise murchando aquela primavera onde florecía a esperanza. Hoxe, só o 13% da poboación considérase sandinista. ¡Qué mala sorte teñen os pobres cando caen baixo a violencia de policías e paramilitares, brazos brutais executores do réxime totalitario da extraña parella! Un terzo da poboación non pode comprar comida. O menú cotiá da maioría dos habitantes é desemprego, inseguridade, represión, pobreza. Desde este lado do estado de benestar éche ben difícil mirar a un país onde fallan os servizos básicos, empezando pola saúde.

Velaquí outro non-país onde o 50% quere emigrar ao paraíso USA, polo de agora fóronse 600.000. Outro 33% á Costa Rica saturada de migrantes. Países veciños, El Salvador, Honduras, Guatemala, baldéiranse de fuxidos da violencia, a fame e as inxustizas.

Ata 1.300 políticos, capaces e molestos opositores, están na cadea. Outros foron expulsados do país onde medra a impopularidade da extraña parella Ortega-Murillo. Ámbolos dous abriron a tapa da caixa de Pandora e dela escaparon os malos ventos do illamento internacional, falta de dereitos humanos e perda da democracia. Pero, contra a frase de Dante Alighieri no dintel da porta do inferno "Abandonade toda esperanza os que entrades aquí", no fondo da maltratada Nicaragua hai rescaldos de esperanza.

Comentarios