sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Nenas e nenos prohibidos

NA ESPAÑA Baldeira deberan estar declarados especie protexida. Esa parte do país chea de velliños que se van baldeirando. De nenos que xamais serán soñados. De pequenas que nunca chegarán. Velaí a vinganza da demografía: a pirámide ao revés. Un trompo cunha base infantil cativa, un teito enorme coa terceira, cuarta idade.

Hai cidades con máis cans que nenos. A presenza de mascotas é boa, a falta de cativos é preocupante. Alertan os xornais da demografía minguante e mascotas crecentes. Advirten expertos que humanizar o traballo cun salario mínimo decente é gravísimo para unha economía onde os euros desaugan sempre cara aos mesmos petos. Velaquí o país onde coa crise medra o número de millonarios e a equidade recúa diante da desigualdade.

Aconsellaba Berlanga sentar un pobre na benintencionada mesa de nadal. Quen aconsellará á rapazada, dona da precariedade, casas que non poden pagar, fillos que non se poden permitir, soldos que non pagarán pensións? Daquela, que paguen os robots: traballan 24 horas día, non teñen festivos nin vacacións, non enferman nin piden baixas por maternidade.

Nenas, nenos. A forza de non velos, semellan especie exótica nas paisaxes urbanas. Hai cidades que solicitan nos parques horarios sen nenos para que as mascotas corran sen perigo e sen facer perigar a ninguén. E resulta que nesta época de diversións, rúas, televisións e políticos vociferantes molestan os choros dos bebés.

Hai comunidades de veciños que non admiten parellas novas con pequenos: paraísos de silencio onde xente moi maior poida discutir de cousas vellas en casas antigas. Hai restaurantes que prohíben a entrada de nenos. Deberan prohibir a nais e pais maleducados que non se inmutan cando as criaturas molestan e berrean sen freo. Eses adultos deberan estar vedados en locais públicos, iglesias, restaurantes, museos, concertos, teatros. Ou habilitar garderías para nais maleducadas e pais despistados.

Os choros dun bebé poden molestar pola noite. Pero a falta de ruído infantil é síntoma dunha sociedade que morre. De que se prohibimos aos nenos estamos definitivamente mortos.

Postos a prohibir, porque non facelo con inmigrantes, ou mendigos, ou negros, ou gays, ou obesos, ou xente en cadeira de rodas, ou...? A sociedade éche unha asombrosa urdida de xente e de historia, de cores de pel, falas, deuses e diferencias. Volverán tempos sucios de apartheid? Colexios para ricos, escolas públicas para inmigrantes. Urbanizacións exclusivas e barrios invivibles. Sanidade pública minguante e negocio privado crecente. Residencias cheas de anciáns e parques infantís onde se abanea o vento. Periferias con economía e demografía que reivindican dereitos e Laponias onde non queda quen reclame. Españas Baldeiras onde as nenas, os nenos están prohibidos.

Nenas e nenos prohibidos
Comentarios