Opinión

Nas árbores non medran os enfermeiros

NIN AS DOUTORAS. Nin o persoal de limpeza. Nin a xente de cociña e mantemento. Nin os profesionais de oficinas.

O excesivo Bo-Jo dos tabloides, o Boris Johnson campión das mentiras e agora do Brexit, di que vai contratar miles de profesionais sanitarios para o NHS o sistema de saúde inglés. Promete cubrir 100.000 vacantes.

Un xornalista pregúntalle: Ten vostede unha árbore que dea enfermeiras? De onde vai traer esa xente necesaria? Mentres medra o medo de que o desmantelamento dun servizo imprescindible para o estado de benestar engorde a voracidade de fondos de risco e multinacionais que fan negocio coa saúde das persoas. Por se acaso este experto populista atopa inimigos fóra: inmigrantes que tratan o Reino Unido como se fora o seu país, di.

Pasa aquí. O Síndic de Greuges, valedor do pobo catalán, declara que o déficit da sanidade catalá é por culpa da xente de ‘fóra’ que acode alí a tratarse. O mesmo pode dicir o resto das autonomías. Aquí en Galicia trátase con profesionalidade a xaponeses do Camiño de Santiago, murcianos, cataláns, inmigrantes con ou sen papeis. Teñen dereito.

O síndic non di que un fondo de cohesión pagará as facturas. O virus do racismo esquece estas cousiñas. Esquece ademais que foi o señor Artur Mas quen deixou nos ósos a sanidade catalá coa súa política neoliberal de recortes brutais e ferocidade privatizadora. Aqueles indignados obrigáronlle a fuxir en helicóptero. E foi tan hábil que transmutou con caldo de bandeiras o malestar social en entusiasmo independentista. Populista como Bo-Jo, é dicir, apropiándose do patrimonio moral da representación política, tamén atopou inimigos fóra: ‘Espanya ens roba!’, mentres o seu partido aplicaba mordidas do 3% a contratas públicas.

Estes avisos a navegantes de Bo-Jo, do Síndic, de Mas, deberan alertar á cidadanía sobre os ataques sistemáticos e sibilinos ao estado do benestar. Mantelo é caro, malbaratalo en mans amigas do negocio privado é carísimo. Copa boa parte do gasto pero a bendita, amable, competente e moi eficiente sanidade pública éche máis barata que o NHS inglés, ou o Medicare e Medicaid da América trumpiana.

Enfermeiros, médicos, persoal sanitario son os nosos heroes. Lemos que aquí en Galicia soportan recortes nos servizos e carga excesiva de traballo. A sanidade pública é asunto demasiado serio para deixalo nas mans de políticos que cren pouco no público. E cada vez que poden tentan convertelo en negocio privado. Na defensa activa da sanidade pública vainos a vida. E a morte. A saúde e a enfermidade.

E non, as doutoras non aparecen por xeración espontánea. Señor síndic na sanidade pública non hai xente de ‘fóra’, no racismo sí. E non, señor Bo-Jo, as árbores non producen enfermeiras.

Comentarios