lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

Nai árbore

A árbore é unha nai. Cerna dura de carballo. Danza e fraxilidade no salgueiro. Puro leite de vida nas froiteiras. Quentura e acubillo para as alas do ceo e a bicharada miúda. Todas as cores verdes na primavera. Esculturas en inverno. Ouro vello na outonía. Puro agasallo gratuíto.

Din que hai 60.065 especies deste xigante xeneroso coidando do planeta. A revista Nature ten ben contados ata tres billóns de árbores. 422 por cada ser humano que xera oito toneladas de CO2 cada ano. Cada unha absorbe 20 quilogramos, así que andan moi ocupadas limpando a nosa porcallada do planeta.

Auga, terra, árbore son femininos, trípode que mantén acesa, en equilibrio a vida. Nai nutricia, xenerosa. O noso Castelao, que vén de ser insultado por un indocumentado, escribía cousiñas ben fermosas. "Vale máis unha terra con albres ca un Estado con ouro nos bancos". Que sería desta terra espida de árbores, "símbolo do señorío espiritual de Galicia". Nai árbore, "engado dos ollos pola súa fremosura; é unha delicia dos ouvidos, porque nel están os paxaros; é un arrolador do espírito porque nas súas ponlas conta contos o vento". Ao fin, "é o derradeiro ben que nos quedou do paraíso perdido", lemos en ‘Sempre en Galiza’ sentados no colo, na sombra destas nais pacentes, agarimosas. Forman parte do delicado sistema global vivo que chamamos biosfera. A súa desaparición levaría a cambios tan drásticos que faría imposible a vida para a maioría das especies, tamén a nosa.

Árbores autóctonas que fan bosque, diversidade que protexe o chan e defende do lume. Árbores alóctonas que rouban as paisaxes. Así, estase a denunciar a eucaliptización de Galicia: plans que preveían 245.000 toneladas de eucalipto para 2030, anotan xa 425.000 co que supón de empobrecemento dos ecosistemas e ameaza cada verán.

No fogar do bosque, onde habitaban contos e medos infantís, as nais árbores agasallan vida. Carballeiras e soutos, sobreirais, teixidos e faiais. Cada árbore, nai nutricia, conta a súa historia onde se entretecen ciclos da vida e da morte. Amieiros e salgueiros, bidueiros e freixos, abelairas, loureiros, nogueiras e castiñeiros paladíns da diversidade. Nos longos días do verán non hai sol máis fermoso, ceo máis alto, soidade máis fecunda que alí onde as cores verdes xogan coas sombras.

Nai árbore, tetos da vida, froita, follas, carne que alimenta. Tantas árbores diversas xuntas, fraga ou exposición de cadros de beleza. Madeira, paisaxe, comida para tantos. Fume e cinzas para canallas. Zugando vida do sol, da auga, da terra para devolvela multiplicada. Son bosque. Paisaxe sen dono. Quentura da casa natureza. Aire limpo. Leite verde. Nos brazos, na cortiza, nas follas, no seu toro sentimos latir o corazón quente da madeira, o infinito amor gratuíto da árbore nai.

Nai árbore
Comentarios