Opinión

Nai África, máter dolorosa

NAS BARRANCAS de Olduvai, o berce tanzano da Humanidade, os primeiros ósos humanos son de pedra. Nai África contempla abraiada aos paleontólogos desenterrando restos dos seus primeiros fillos. E terían a pel escura, medos, tenrura? De certo que o sangue percorrería os camiños das veas e dos soños. Hai millóns de anos.

Esta terra fértil foi o embigo de onde partiron todas as corredoiras humanas. Daquela ninguén dos seus fillos foi chamado inmigrante subsahariano. Quizais porque no planeta viaxeiro todos estamos de paso. Estuda o mapa do continente martirizado e contempla a cuadrícula que divide os países. En Europa as fronteiras son reviravoltas: en cada curva unha batalla, un pobo, unha loita pola identidade. As fronteiras rectas de África romperon culturas, racharon con pobos, parcelaron a historia común, sementando un futuro de conflitos interminables.

Nai África ten a pel negra. Recorda o día no que apareceron homes brancos. E como os acolleron cos brazos estendidos, a sagrada hospitalidade aberta de par en par. En troques, os civilizados forasteiros trouxeron as súas falas, relixión, enfermidades descoñecidas, e unha inmensa cobiza. Esa sede insaciable xamais quedou satisfeita, nin co ouro nin cos diamantes ou madeiras nobres. Nin cos homes e mulleres novas.

Reconta Nai África os fillos perdidos. Xamais na historia da Humanidade houbo tal hecatombe. Calcúlase que entre os séculos XVI e XIX máis de 20 millóns de seres humanos foron arrincados das súas comunidades para seren escravizados en Europa, Asia, América. Habería que multiplicar esa cifra para chegar ao xenocidio real: por cada escravo catro quedaron no camiño de guerras e traslados. Derrubamento demográfico e danos incalculables. Tenta imaxinar a historia ao revés: Europa en taparrabos e pateras arribando ás costas senegalesas, libias, marroquís.

Pero Nai África ten o ventre fértil. Pare fillos coa mesma forza que agora lle ferven as bágoas. As guerras idiotas, a corrupción, as desfeitas ecolóxicas esnaquizan países riquísimos pero enriquecen a multinacionais que falan inglés, ruso, chino, alemán, tamén español. Pragas bíblicas da fame e das enfermidades impiden a moitos pequerrechos dar o primeiro paso, barballar a primeira palabra.

Velliña e enrugada, Nai África xa non ten bágoas para chorar polos mortos recentes. Aqueles ósos de pedra están agora cubertos de ollos e soños, medos e mans baldeiras. Acubíllanse no fondo dun pesqueiro rescatado do desguace implorando a deuses sombríos.

A barranca de Olduvai está no Mediterráneo. Paleontólogos disfrazados de garda costeira da CE descobren cada día, nos estratos de auga salgada, xacementos de ósos humanos. Aínda están vestidos de carne e pel humana. E da inmorrente esperanza dos derrotados.

Comentarios