Opinión

Nacemos nun país estranxeiro

"Nacer é chegar a un país estranxeiro", pero sempre hai uns que son máis forasteiros, e outras que son máis estrañas. Así, en 2020, 281 millóns de persoas vivían, sobrevivían, malvivían fóra da súa terra. En 2023, 110 millóns abandonaron casas, traballos, animais. Atrás quedaron amizades e veciñanza, lugares e paisaxes que enmarcaban a vida. Deixaron ás costas países invivibles por unha triple emerxencia: a climática, a bélica e a da pobreza. A metade desa cifra xigante nin sequera chegou a cruzar as fronteiras: inmigrantes interiores.

Gobernos duros coa inmigración como EE.UU. ou Italia comproban que fronteiras erizadas de muros e policías son líquidas e permeables. A estupefacta premier Meloni ve que en 2023 arribaron ás costas de Italia 153.000 seres humanos, máis que o ano anterior. De pouco serviu a parafernalia eleitoral da lideresa ultra. Á marxe da ideoloxía, non se poden poñer portas ao mar.

A Canarias chegaron 40.000 inmigrantes e a procesión de caiucos non cesa. De que mundos escapan?. Que mafias están detrás desta moderna trata de seres humanos? Non é difícil adiviñalo. Por exemplo de Senegal: 540 quilómetros de costa, pobos e aldeas vivindo da pesca artesanal. Ata que barcos factoría chineses, rusos e da UE baldeiraron o mar. Sen peixes vanse e tentan entrar en Europa pola porta máis cercana.

Os titulares, as alarmas xenófobas dos nacionalismos europeos alimentan os medos e o odio ao inmigrante, sempre que non se chamen Willians, Lamine ou Ansu Fati. No excesivo expresidente Usa que ameaza con volver ao trono do mundo, o mal olor do nazismo: "Os inmigrantes envelenan o sangue do noso país". E promete a maior expulsión de ‘sen papeis’ se resulta elixido. Á marxe de medos sementados abondosamente por algúns medios, convén recordar que a economía en España, en Usa, colapsaría sen os inmigrantes. 

As vantaxes que un país plural, aberto e xeneroso ofrece aos inmigrantes son oportunidades para o país de acollida. Véxase como mellora o deporte con máis cores na pel. Quen coida do avó. Quen parte o lombo nas cociñas dos restaurantes, nos campos e granxas. Que apelidos menudean nas batas brancas de hospitais e da Atención Primaria. Cun pero: o que tanto beneficia aquí, baldeira de talento e futuro os países de orixe.

Con todo, a inmigración preocupa. As eleccións de moitos países están marcadas pola inmigración. Influirán nas eleccións da UE e de Estados Unidos. Oxalá que políticos, partidos e sociedades acerten coas mellores medidas. 

Os inmigrantes buscan teimudamente un lugar seguro e unha UE envellecida necesita deles. A alternativa non pode ser unha Europa rica chea de anciáns falando de cousas antigas en casas vellas. Rodeados de rancor e medos, esquecidos de que cando nacemos arribamos a un país estranxeiro.

Comentarios