martes. 31.03.2020 |
El tiempo
martes. 31.03.2020
El tiempo

Na boa compaña dun sabio

DE PROFESIÓN filósofo. Profesor de universidade. Baluarte do ensino público: don Emilio Lledó.

Les, con olor a café, a entrevista no xornal. Fala da profesión e recorda que na luminosa Grecia os textos de filosofía política dicían que o ensino debía estar nas mans do Estado. De volta ao presente opina que non pode ser que familia e posición social marque a diferencia e o destino de tantos. Non dar oportunidades aos mellores, só porque non teñen cartos, significa empobrecemento social. E volver ao clientelismo da mediocridade, sometimento acrítico e pereza intelectual.

Estendeuse como un mantra o dogma mentireiro da libertade das familias para escoller o centro onde educar aos fillos. Sen ter que recordar que a escola ensina e a aducación faise na casa, iso non é libertade. No peor dos casos é apartheid, e no mellor clasismo privado pagado con cartos públicos. Os fillos das barriadas duras xamais terán esa libertate. E as fillas do rural tampouco. Rapazas e rapaces de familias pobres xamais poderán elexir centro.

Un tipo que nace no sur, que veu coa familia a A Coruña e logo a Vicálvarao. Que estuda filosofía en Heidelberg. Profesor en Vllladolid, Alcalá, La Laguna, unha década ensinando filosofía en Barcelona está vacinado contra nacionalismos. Viaxando. E cando pregunta de onde é, atopa a patria na lingua. Na palabra. Este sabio nonaxenario contempla con tristura a situación política actual onde a dúbida razoable, o entendimento co outro, ao fin a palabra poderosa foi arrasada polo tsumani dos sentimentos, aos estereotipos que dividen, que ofenden aos outros.

Recorda o filósofo o verbo inventado por Aristóteles: ser humano, é dicir, entender aos outros, dialogar con eles, facelos os teus semellantes, comulgar coas mesmas palabras. A sensación de arrincarse do outro prodúcelle unha tristura infinita.

Con el asistimos estes días a unha saraiba de palabras fermosas: dereito a, libertade, democracia. Tamén aparecen sentimentos a flor de pel como o odio e o rancor. Recorda que fronte a globalización da riqueza, só económica onde nadan as quenllas, hai outra, a dos sentimentos positivos da solidariedade, da fraternidade universal, da aceptación do outro.

Estes días a árbore das bandeiras oculta o bosque dos seres humanos. E das cousas veciñas importantes: o pan de cada día, a familia, a casa, o traballo. Tamén oculta a corrupción político-económica que afunde o país, e a inepcia dos malos gobernantes, máis problema que solución. Mentres a xente axita bandeiras de tea triste esmorecen as cores da xustiza e a bondade, a decencia e o bo goberno, a cultura e a sensibilidade, a educación e o amor ao outro.

Son cousiñas que se aprenden calquera mañá, a carón do xornal, con olor a café e na boa compaña dun sabio.

Na boa compaña dun sabio
Comentarios