sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

Moitas saídas para a mocidade

CON AEROPORTOS en cada provincia, en España hai moitas máis. En Galicia temos tres, sen contar Porto. Cando rematen o Ave teremos outra saída máis, aínda que os valedores do faraónico proxecto non saiban de onde sairán os viaxeiros nun país baldeiro.

A última Cassandra é Blanco Desar, economista experto en demografía. Ao personaxe mitolóxico Apolo otorgoulle o don da profecía aínda que ninguén lle faría caso. Tamén o experto avisa inútilmente: a poboación galega parécese aos cascallos demográficos que deixa unha guerra.

Por iso a xente do común pregunta a que dedicarán o tempo, pagado con impostos, os políticos máis aló do xogo de tronos, herdeiro do infantil xogo das cadeiras. Para que quererán o poder se non teñen con quen exercelo? Nun país con case a metade dos rapaces en paro, a inversión en infraestruturas educativas caeu á metade desde 2009. E a inversión pública en España, 1,9 % é a menor do PIB dos últimos anos. A máis baixa de Europa.

Alemaña e Xapón desespéranse polo envellecemento e a raquítica taxa de fecundidade das mulleres. Se viviran aquí xa terían cortado as veas. A nosa taxa non é raquítica, é alarmante. Estamos a perder a cota dos 2,7 millóns/h. Retrocedemos quince anos. Somos quince anos máis vellos. E máis dependentes. En Ourense hai máis pensionistas que traballadores en activo. Velaí o paradoxo: os traballadores non xeran riqueza para pagar as pensións que sosteñen a fillos traballadores pobres e netos parados.

E con pensionistas, parados e traballadores pobres cae a demanda para as empresas. Quen vestirá moda galega? Quen comprará roupiña para bebés nunha terra sen netos? Os demógrafos avisan que coa nosa taxa de nacementos entramos nunha etapa irreversible con ocos imposibles de rexenerar. O afundimento demográfico non parece ocupar a representantes públicos. Así nos vai. A santísima trindade do benestar social, educación, pensións e sanidade públicas non se poden soster sen a respiración asistida do Estado.

A mocidade éche tesouro escaso. Resulta suicida ver como marchan os titulados, os que saben idiomas, nunha idade que lles leva a emparellar e ter fillos lonxe. O valor engadido biolóxico e formativo medra fóra.

Botan os demógrafos as mans á cabeza, os políticos non, cando contemplan a pirámide de poboación. Onde vai que esqueceu ser pirámide para ser trompo! Pero o que asusta aos expertos é que non asuste a todos. Que non se atopen medidas contra o declive demográfico. Que o abandono do rural semelle un xenocidio. Que non se busque debaixo das pedras traballo para a rapazada. Que non se corte a hemorraxia vital que verque o sangue dos novos polas feridas de A Lavacolla, Alvedro, Peinador, Porto. Ou polas estacións aínda baldeiras do Ave. Moitas saídas para a mocidade.

Moitas saídas para a mocidade
Comentarios