Opinión

Mirade as flores do campo

O CICLO da vida abre as costuras da terra. Primavera. Quen contará o incontable número de floriñas ventureiras? Quen pode medir a explosión de gromos nas árbores? Toda a infinita gama de verdes tenta e consegue ocultar o feísmo nun país que malgasta a riqueza social das paisaxes.

Volta á sabedoría antiga e amable: «Mirade as flores do campo. Non tecen nin fían pero nin o mesmo Salomón na súa gloria, nin Chanel, Gucci, Armani o Vuitton cos seus prezos visten como unha delas. Mirade as aves do ceo…». Agasallos gratuítos nas árbores que empezan a vestirse, nos esculturais carballos, nos castiros silandeiros. Vense os grandes niños de pega, de corvo, dos esquivos pombos. Afánanse coa casiña sen medo á hipoteca pero co temor aos desafiuzamentos dos que estragamos a terra.

A natureza recobra os ritmos, todas as cores verdes. A nova estación trae a boa noticia da sementeira de cores, o agromar da vida, pero tamén a escura ameaza do cambio climático que está a borrar as estacións intermedias.

Todas e cada unha das árbores, todas e cada unha das flores, todos os ríos con pouca auga detectan o perigo dos que declaran a guerra ao maltratado planeta anulando as leis para frear o cambio climático. Millóns de margaridas e carabeis ábrense cada mañá contra o matonismo dos cobizosos. O arrecendo das árbores denuncia a impunidade dos envelenadores da terra: máis carbón, máis petróleo, máis CO2 nos pulmóns do planeta.

En Galicia, despois dun outono sen chuvias e un inverno sen inverno, a primavera denúdase como se fora verán e abrígase como se fora inverno. Pero ao fin, a vida, pugnaz e teimuda, volve. Da man dos versos de W. Wordsworth: «Aínda que nada poida devolver a hora / do esplendor na herba / da gloria das flores /non hai que laiarse / porque a beleza perdura sempre no recordo».

O delicado tecido da natureza depende tamén de nós. A comunidade científica alza a voz contra os depredadores que poñen en perigo a seguridade de todos, a saúde do planeta e advirte que a cobiza máis perigosa é a indocumentada. Os que non respectan os acordos de 2015 en París contra o cambio climático son os que confunden valor e prezo. Como os necios.

Quen alimenta as árbores? Quen da de comer aos paxaros? Quen compra de balde tanta moda, tanto luxo na natureza? Velaí un infinito espectáculo gratuíto. Hai vida máis aló das pantallas e das redes sociais. O aire, recén lavado, ole a limpo. E quedan recunchos do paraíso nos bordos da cidade.

A paleta de cores verdes da primavera oculta o tamaño da desfeita. E os ameneiros, necesarios árbores de ribeira, seguen morrendo de pé, carballos e castiñeiros cada ano máis acantoados polo eucalipto, a gloria do sol na herba, o rechouchío alado da febre pola vida, todos din: Mirade as flores do campo!

Comentarios