jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

Micoloxía grande no Courel con Julián Alonso

Velaquí a boa noticia dun inxente traballo: Catálogo da macromicobiota das montañas do Courel de Julián Alonso, coa coautoría de A. Rigueiro.

Descargado o documento na ligazón aportada, xa vemos que non se trata dun mero artigo científico. Estamos diante dunha obra maior na micoloxía galega. Abondoso torrente de datos nun traballo xigante, minucioso, pormenorizado co nome completo dos fungos estudados, mapas, toma de mostras, identificación e estudo de microscopía e moleculares. Descríbese o medio físico do Courel, flora, comunidades vexetais.

A profusión e perfección das fotos é grande para visualizar elementos dos fungos, esporas, hifas. Achéganse fotografías realizadas con microscopio electrónico de varrido. Co cursor imos ata o final. Nada menos que 521 páxinas onde se describen 410 taxons, 109 citados por primeira vez en Lugo, 48 en Galicia, 5 no resto do Estado, e ata unha primeira cita para Europa. Os que non imos máis aló da curiosidade polos bordos da micoloxía xa nos decatamos de que estamos diante dunha achega científica de altísimo nivel.

O cursor detense nas fotografías dos cogomelos desde os ángulos máis pertinentes para apreciar características. Cada exemplar acompáñase da cita da zona, hábitat, confusións, diferenzas. Tamén observacións relacionadas co estudo molecular, datos de distribución, mención a citas previas, primeiras citas e comentarios de interese do mundo infinito, misterioso dos fungos, seres que terman dos alicerces da vida.

Estamos diante dun traballo de investigación enciclopédico e magnífico, con importantes achegas a nivel galego e europeo. Contribución salientable para coñecer a rica biodiversidade e os tesouriños descoñecidos da serra do Courel. Algo que non nos pertence pero convén estudar e conservar para os netos.

A harmoniosa veciñanza co medio das xentes que alí viviron e viven, preservou a súa riqueza nestes tempos de cobiza e depredación. Nesa espléndida riqueza natural podemos atopar, entre outros, case mil especies vexetais, douscentos vertebrados, cen deles aves, e os centos de fungos que aparecen no estudo. Nunha terra tan pouco vertebrada como a nosa, traballos como este poñen en valor zonas cun enorme potencial, riqueza e valores naturais.

O pdf pódese descargar desde a web da SM Lucus ou desde o Ibader. Suponse que traballo de tantísima entidade científica será publicado en papel, máis aló duns poucos exemplares testemuñais, e distribuído amplamente en librerías, facultades, institutos científicos e sociedades micolóxicas.

Éche unha boa e portentosa noticia que fora realizado aquí, por xente da que sentírmonos orgullosos, como este destacado micólogo, alma máter da S.M. Lucus e investigador na universidade en Lugo, Julián Alonso.

Micoloxía grande no Courel con Julián Alonso
Comentarios