Opinión

Meteoros desmedidos

Aquela ‘pertinaz sequía’, que dicía aquel. Estas secas agora. Inundacións bíblicas. Temporadas tan activas de furacáns. Vagas de calor. Recursos do planeta tentando recobrar o equilibro estragado polos humanos. E, ao fin lumes arrincando a alfombra verde do planeta. Asasinando bosques, casa das árbores xenerosas. En Cataluña, en Navarra, nas Hurdes. Borrando do mapa da vida a Sierra da Culebra. 

Todo é así de preocupante no planeta enfermo polo ‘virus’ humano. Os arquivos da memoria do clima non atopan precedentes. E o prezo máis gravoso cae sobre os vulnerables que non poden pagar a factura delincuente da luz, calefacción, ar acondicionado. 

Hai máis. Segundo un estudo do Csic e varias universidades, o cambio climático e o incremento de temperaturas multiplica por cinco a probabilidade de conflitos e guerras, e escaseza de alimentos provocada polas secas. Está a pasar na fronteira sur da UE, onde se prevén movementos masivos de poboación empurrados pola fame.

¿Que estamos a facer mal? ¿Por que esta parálise cando periga o planeta? Nin o presentismo nin o carpe diem vai salvarnos se non somos quen de coidar e amar a casa onde vive a vida.

O Banco Mundial de Datos sinala que o 60% da poboación amoréase en cidades, uns 4.500 millóns. Expertos en urbanismo alertan de que as cidades soportan peor as temperaturas extremas. Co cambio climático as vagas de calor van ser máis frecuentes. Cómpre adaptarse porque a marcha atrás é difícil. A enorme cantidade de gases emitidos polos humanos vai permanecer moito tempo na atmósfera. Forradas de cemento e asfalto as cidades son illas de calor e compórtanse como fornos con diferenzas de ata dez graos cos entornos rurais. Imponse outra cidade máis vivible e amable, máis verde e resistente ás temperaturas extremas. Na retina os 50º de Canadá, e de tantas cidades españolas nesta vaga de calor. Reclaman algo inimaxinable: crear refuxios climáticos contra a calor. A poboación xa corre aos centros comerciais con ar acondicionado. Haberá que preparar outros: bibliotecas, igrexas, museos, parques. Xa se están a cubrir as grandes terrazas con xardíns, con toldos as prazas. E experiméntase pintando rúas con cores brancas e claras para crear superficies reflectantes. Hai que vestir as cidades de verde: moitos máis árbores e arbustos. Máis xardíns e zonas verdes, máis auga, ríos en superficie, fontes. E moita superficie peonil.

Goste ou non haberá que expulsar os coches das cidades: monopolizan o espazo público en calzadas e aparcamentos, envelenan o ar. A cidade é das cidadás e dos cidadáns e a súa saúde ecolóxica está en relación inversa ao número de coches nas rúas. Medidas urxentes, imaxinativas e arriscadas para uns meteoros desmedidos nun planeta excesivamente humanizado.

Comentarios