Opinión

A matanza dos inocentes

"UN CLAMOR óese en Ramá, moitas bágoas e lamentos. É Raquel que chora polos fillos, e non ten consolo porque xa están mortos". Oráculo do profeta Xeremías recollido en Mt.2,16-18. A brutalidade do episodio cadra co carácter de Herodes I, o rei que volve cada Nadal. Cruel e patoloxicamente celoso do poder, según o historiador xudeu Flavio Josefo, que non recolle episodio tan salientable como a matanza posta en dúbida por moitos estudosos. Paradigma de xenocidas que abusan do poder sobre vidas e mortes. Menudean na historia sanguinarios con medo a perder un poder que, din, emana dos deuses ou do Pobo Elixido ante os que responder, algo inaudito nas democracias. Como a de Israel, teimuda incumplidora das leis internacionais e resolucións da Onu.

Pouco aprendemos de exemplos cercanos. Como Leopoldo II, o rei belga responsable do xenocidio congoleño que asasinou entre 1885 e 1908 quince millóns de inocentes. Como Hitler, xenocida e supremacista racial que gaseou seis millóns de xudeus inocentes na chamada Solución Final. Como Stalin, que entre purgas, Gulag e Holodomor ucraíno asasinou 5,5 millóns de inocentes. Agora Putin, o da agresión imperialista a Ucraína. Devastación e medio millón de mortos. Inocentes.

Faltaba reabrir a ferida que supura desde hai 70 anos en Palestina. O ataque asalvaxado do terrorismo de Hamás asasinou 1.200 e secuestrou ducias inocentes. As ondadas de solidariedade coas vítimas fóronse diluíndo diante da letal e indiscriminada resposta do Goberno e do Exército de Israel. Mortes e destrución apocalíptica en Gaza, mesturadas en prime time co luxo e bos sentimentos deste Nadal.

A vinganza da tecnoloxía bélica e a Lei do Talión contabiliza en Gaza uns 17.720 mortos, 46.000 feridos, 1,9 millóns de desprazados cara a ningures. A metade destes díxitos ten rostro de civís, de anciáns, de mulleres. De nenas e nenos inocentes. 

O contexto da interminable ferida de Gaza leva aos atlas históricos. De como, despois do Holocausto e da II Guerra Mundial, se creou un Estado artificial nunha terra habitada por palestinos. Quedan dous illotes illados: os 360 km² da Franxa de Gaza, e a Cisxordania semellante a un queixo gruyere onde a brutalidade e o expansionismo dos colonos xudeus rouba as casas e ocupa terras palestinas. A Ramá do relato bíblico está a poucos quilómetros do gueto de Gaza, ratoneira humana para 2,2 millóns de persoas.

Como en todo conflicto bélico, os inocentes poñen as vítimas. A Raquel xudea e a Raquel palestina choran polos fillos mortos atrapados entre dous fascismos,  o de Hamás e o do Goberno extremista de Herodes Netanyahu. A eles hai que engadir a pandemia de nenas e nenos orfos. Amarga sementeira de odio para un futuro previsible: máis odio. Máis matanzas de inocentes.

Comentarios