Opinión

Os libros contarán esta infamia

Na revista, a fotografía dunha estantería chea de libros. Están ben colocados. Ou coa desorde estética de tanta cultura acostumada a convivir en boa compaña. Libros en vertical ou vencidos cara aos compañeiros. Libros apilados sobre libros. Na mesa da habitación, caos, destrozos, desorde, destrución, xinetes da apocalipse dos libros que acompaña a toda guerra. O pé de páxina conta que se trata dun apartamento de Sumi, en Ucraína. Que a destrución foi causada por un dron Shahed ruso. Que este acto de barbarie ocurriu en xullo de 2023.

A nai de todas as barbaries ás portas da UE, illa menguante do estado de benestar, valores democráticos e dereitos humanos. A guerra de Ucraína empezou o 24-II-2022 coa agresión absurda e inxustificada do oso ruso, ese sinistro e teatral Putin, nostálxico do imperialismo dos zares, añorante do imperialismo da decrépita URSS. A diplomacia como arte de construír unha orde internacional enfróntase aquí á lei do máis forte.

De momento hai anotadas 300.000 baixas rusas, con seguridade outras tantas ucraínas. A custosísima destrución de material bélico engorda as contas dos hipermercados de armas. Son só números, economía sen rostro humano. Stalin, o mentor do zar do Kremlin aseguraba que un soldado con rostro e nome é unha traxedia, un millón de mortos só unha estatística. Estatísticas son eses centos de miles de rapaces caídos. Estatística é o medio billón de euros que costará, polo de agora, a reconstrución do país. Estatísticas son as mortes, a dor, os exilios, as casas e as vidas rebentadas dos civís, vítimas colaterais. Outra vez nais e pais violentando a orde natural enterran aos fillos. Outra vez as bágoas recibindo rapaces que volven á casa en brillantes caixas de cinc.

Todo iso contemplan os libros, indemnes, milagrosamente ben colocados na estantería do apartamento de Sumi. Testemuñas directas, donos dun silencio ensordecedor. Son contadores de historias das barbaries humanas, desde a gran biblioteca de Alexandría e a de Saraxevo ata esta biblioteca familiar. Os libros semellan fráxiles pero son uns superviventes. Voz muda, poderosa contra os 'líderes fortes', contra os autócratas que odian a cultura, contra este tsar do Kremlin. Antes houbo outros ditadores, outros autócratas, pero é ben sabido que a memoria dos sátrapas está feita de pedras rotas. O tsar de todas as Rusias é o apóstolo dun novo imperialismo que ofrece un poder vertical e autoritario dirixido con man de ferro e unha inmensa soidade. Que usa as ferramentas da democracia ou prescinde delas se o horizonte final impón outro camiño. 

Cando acabe esta guerra, aínda que as guerras xamais rematan de todo, os libros da estantería de Sumi que non conseguiu destruír o xoguete armado, o dron ruso, contarán esta infamia.
 

Comentarios