Opinión

Leccións actuais do pasado

O XVII foi un século terrible. Os mellores pensadores decatáronse de que o mundo afundíase nunha longa crise. Non viron o papel relevante da natureza na centuria máis dura da Pequena Idade do Xeo. Un mundo medieval desaparecía e outro novo xurdía do frío da natureza e das cinzas de guerras interminables. Como agora, o cambio climático provocou transformacións sociais. Guerras, fames, frío abriron novos horizontes intelectuais e maneiras de pensar.

Aquel terrible XVII permitiu a Europa converterse en potencia mundial. Hoxe, o cambio climático escurecido polo coronavirus ameaza á humanidade. Obrigará a vivir doutra maneira nun escenario de cambios drásticos e inevitables. Daquela, e dun xeito inimaxinable para nós, apostouse pola desigualdade. A creación de grandes propiedades que se apoderaron das terras comunais expulsou a miles de labregos. Tamén agora se aposta pola desigualdade, e o cambio climático expulsa a millóns de seres humanos.

Fames, pestes, pandemias atopaban resposta na relixión, caza de bruxas, sermóns apocalípticos sobre a fin do mundo. Agora búscanse outras causas. Atemoriza a globalización brutal. A pandemia deixounos espidos.

Os mercantilistas apostaron pola globalización do comercio ou de como seguir coa guerra por un medio máis barato. A expansión europea e as carísimas guerras xa non se podían soster con impostos e unha agricultura arruinada. Buscaron fóra a prata americana, as carísimas especias, o cereal do leste que alimentaba os exércitos. Prata, especias e cereal arrincados da suor dos escravos.

No XVII unha eclosión intelectual transformaría Europa: Descartes, Kepler, Newton, Locke, Bacon, Spinoza, Hobbes, Galileo, Rembrandt, Shakespeare, Cervantes, Brueghel. A carón deles, que apostaron pola racionalidade, proliferaban magos, alquimistas, iluminados, astrólogos. Hoxe, a ciencia, a revolución informática e biomédica chega a límites inimaxinables. E tamén menudean xicofantes, antivacinas, fake news e negacionistas do cambio climático. Algúns, en postos de altísimo poder.

A Pequena Idade do Xeo provocou cambios estruturais nas sociedades. A cidade ampliou horizontes intelectuais e prosperou a filosofía e o pensamento racional. Reforma e Contrarreforma crearon escolas. A educación demostrou ser "perigosa" e os libros, semente transformadora.

Á hora de botar as culpas das calamidades, os sospeitosos habituais: xudeus e bruxas. Agora temos os nosos: estranxeiros, inmigrantes. O XVII pechou o mundo medieval e abriu as portas á modernidade. Hoxe estamos nos bordos dunha nova época e ata dunha era xeolóxica inédita, o Antropoceno. Daquela, enfrontáronse desde as forzas da razón ao lado escuro. Agora sabemos máis: todo está entretecido. Mentres tratamos de aprender as duras leccións do pasado.

Comentarios