Opinión

Hai vida máis aló do balón redondo

A vida que late no emocionante abrazo do marroquí Achraf Hakimi á emocionada nai despois da vitoria da súa selección. Ou o civismo xaponés recollendo o lixo das gradas despois de cada partido no que xogaba o seu equipo. Así puidemos contemplar algo incomprensible aquí, no país que inventou o sucio botellón e converte as prazas en cortellos nas noites de esmorga. Máis inexplicable aínda con universitarios nesas aulas de incivismo.

Hai vida máis aló da prepotencia do entrenador dimitido. Aplaudido por tirios, abominado por troianos, acabou anulando aos xogadores. ¡Vae victis!, escribiu Tito Livio tras a derrota de Roma diante dos galos, e das derrotas de grandes seleccións que obrigan a dimitir a entrenadores. Como di a relectura do resabio popular, este país sempre vai detrás dos seleccionadores, ás veces con velas, outras con estacas.

A vida tamén é a ledicia, desbordada de emocións e bandeiras, dos pequenos David derrubando con goles a xigantescos Goliat do planeta fútbol.

¿Que foi daquel militante polos dereitos LGTBI que tivo a humorada de saltar ao céspede en metade do partido coa bandeira arcoíris? Convén non esquecer que Catar éche unha satrapía machista e medieval, lonxe das democracias, votos que se contan, liberais, respecto ás liberdades individuais.

¿Hai vida despois do fútbol? Hai, pero ninguén no improbable país que flota sobre un globo de gas, sabe que facer cos oito opulentos estadios alí onde os camelos non xogan ao fútbol, as mulleres son invisibles e os homes non o precisan para vivir.

Tamén a vida ten a cara máis amarga. A das estrelas minguantes que non se resignan a quedar esquecidos co chándal da suplencia, remoendo o implacable paso da idade.

A carón do balón redondo viven luminosas figuras fondamente humanas: a do brasileiro Richarlison. Con tanta conciencia social que recorda a aquel Sócrates, médico e futbolista exquisito, intelixencia e elegancia no campo, que levou a democracia ao vestiario mentres fóra campaba con ferocidade a ditadura.

Deste Mundial de fútbol queda o cheiro insufrible do diñeiro excesivo, casi delincuente nun mundo de carencias, nun negocio que hai tempo esqueceu o deporte.

Segue a vida pero continúa invisible o sacrificio de traballadores semiesclavos, construtores das pirámides de fútbol con ar acondicionado nun recuncho de areas inhóspitas. Permanecen rescaldos de luxos das ‘Mil e unha noites’ para deportistas, xerarcas e delegacións.

Para os que vivimos no oasis de democracia, benestar e dereitos humanos da UE, queda nas pantallas a imparable mestizaxe das seleccións europeas. Xogadores árabes, futbolistas negros. Balde, Nico Williams, Ansu Fati entre os nosos. No planeta banal pero relevante do fútbol hai vida máis aló do balón redondo.

Comentarios