Opinión

‘Guía micolóxica de Lugo’: un traballo ben feito

A sociedade micolóxica Lucus atesoura décadas de traballo a prol da micoloxía, a cultura e a natureza. 266 membros e teimuda presencia na cultura luguesa. Aínda na memoria da cidade a XXI Exposición de Cogomelos e a gozosa xuntanza gastronómica anual. O último evento, a presentación da ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’ coa autoría de catro membros da S.M.Lucus, aínda con nervios polo éxito da convocatoria. Copados asentos e laterais do salón da Deputación, xente fóra desbordadas as previsións máis optimistas.

Na presentación da guía, co protagonismo da USC e apoio da Deputación, xente de fóra, asociacións, mocidade, universidade. Se cadra faltou atención mediática á cita tan salientable que reflicte a calada sementeira e froito abondoso do bo facer e achegamento popular. Porque esta asociación e o seu presidente, Julián Alonso, son referencia micolóxica imprescindible aquí e a nivel nacional.

A  guía, agasallada ao público, éche un tesouriño. Manexable e amena, rigorosa, ben editada. Non é un ‘fungo efémero’ senón froito dun traballo apaixonado, amor á natureza e defensa da terra. Invitación a entrar no mundo dos fungos que agora se agachan pero, na escuridade do frío e da terra, terman dos ecosistemas. Presentada por expertos que engaden peso específico á cultura da nosa terra: Julián Alonso, José Castro, M.ª Cristina García-Echave e Antonio Rigueiro. 

Da man da guía coñecemos mellor unha terra privilexiada, espazos protexidos, mesmo ameazados. Explica que os fungos resultan incomprensibles se non están imbricados no medio, nos ecosistemas, nas fermosas xeografías e climas variados, nas vodas coas árbores e coa terra. Para afeccionados curiosos éche unha clase de bioloxía sobre fungos, clasificación, funcións no medio, coidadores dos ecosistemas e sinais de alarma diante do cambio climático. Tamén aporta denominación científica e popular, que o mundo dos fungos non é propiedade dos micólogos. Chama a atención a parte máis extensa, as fichas. O rigor e beleza das fotos, a claridade e pedagoxía das explicacións. Xa aprendemos que o mellor medio para achegarse ao mundo dos fungos e cogomelos, si, tamén dos comestibles é, á marxe de parvadas, o coñecemento.

As 202 especies descritas polo ollo pescudador dos autores son unha achega á biodiversidade ameazada pola emerxencia climática, monocultivos forestais e descoñecemento da natureza á que pertencemos. É a nosa única casa compartida, defendida con unllas e dentes e con traballos científicos e rigososos como os destes autores. Son o noso orgullo. Teñen un altísimo nivel científico e humano. Polo seu amor á natureza, coñecementos micolóxicos, infinito entusiasmo e capacidade comunicativa.

Nas mans, a ‘Guía micolóxica’. Un  traballo ben feito.
 

Comentarios