Opinión

Gañarás o pan

É SABEDORÍA antiga: "Gañarás o pan co suor...". Hoxe pululan polas rúas da economía bandidos que gañan moito pan co suor dos de enfronte. A xustiza tenta pararlles os pés e algúns son castigados. Só un pouquiño. Como dixo o presidente do Tribunal superior, a xustiza é implacable... cos robagaliñas.

Nos traballos para gañar o pan de cada día anchéase a fenda entre a minoría que gaña abondo e quen sobrevive con dignidade e tenta planear o futuro. Os emolumentos dos grandes directivos das empresas do Ibex, multiplican centos de veces o soldo dos traballadores.

A OCDE di que o incremento dos soldos sostén o consumo privado, alenta a produtividade e frea a desigualdade. Subir os salarios e non xibarizalos é xusto e intelixente. É máis eficiente e terma do estado social, mal chamado do benestar. Ademais a tarefa do Estado é redistribuír os recursos, e a primeira obriga do pacto social é a cohesión. Inseguridade laboral e soldos indignos serven, de momento, para paralizar á poboación.

Algún empresariado con orelleiras só ve anacos da realidade e aposta pola austeridade e o emprego precario e mal pagado, política que non leva a ningures. Piden máis axustes sociais, máis flexibilidade laboral, eufemismo que significa facer un burato máis no cinturón vital dos traballadores e unha espada de Damocles sobre o incerto futuro dunha mocidade condenada á pobreza ou abocada á emigración. O reconto aquí nos últimos anos é estarrecedor. No inicio a crise en 2007 medio millón de menores de 35 anos tiña emprego, hoxe a metade. Desde aquel ano marcharon fóra 103.000 rapaces, a maioría titulados: Galicia volve ser terra de emigración… de universitarios.

Subir salarios non destrúe emprego nin atenta contra a prosperidade económica como sinala o mantra gubernamental e miopes organizacións empresariais acostumadas a extraer riqueza dos boletíns oficiais. A eurozona leva máis de dez trimestres seguidos de crecemento e iso supón nos países desenvolvidos subas de salarios que a súa a vez aumentan o poder adquisitivo, maior consumo e máis produción de bens e de servizos.

A poboación ten dereito a unha vida decente. Un país envellecido ten que atopar traballo para os novos e pagarlles un soldo digno que lles permita construír a vida. Os servizos económicos farían ben en sacar á superficie os acuíferos dos cartos negros, mirar con lupa soldos e gastos aberrantes da minoría acostumada ao malgasto obsceno e sanear as cloacas da corrupción por onde escapa a riqueza oculta ao fisco. Ou aflorar a economía mergullada á que nos afeccionamos nas últimas décadas co perigo de converter o país nun patio de Monipodio.

É sagrada a obriga da gañar o pan co suor da fronte e non acumular riquezas indecentes co suor dos de enfronte.

Comentarios