Opinión

Galicia baldeira, ou non

NISTO DA poboación a opinión atinada é a dos demógrafos. Saben dos fíos entre pasado e presente. Son quen de albiscar as corredoiras dos pobos no futuro. Poden poñer números á demografía. E interpretar as pirámides de poboación cando eran pirámides ou cando son trompos. Os demais lemos o que eles contan e sacamos conclusións.

Sabemos o que vemos. Que hai unha España baldeira e outra chea de demografía e economía. Pasa en Galicia. Pero baldeira non define o que nos pasa porque xamais poderá baldeirarse de terra, paisaxe, toponimia. Da arañeira de camiños que foi tecendo a historia. De monumentos, restos, construcións, pegadas da cultura.

Vemos unha Galicia desvertebrada: a Franxa Atlántica que concentra máis do 60% da poboación e do PIB... e o resto. Hai quen resume: Galicia é a A8, o resto é paisaxe. Paisaxes humanas con vellos, case sen nenos nun rural onde ata tentan pechar os paritorios.

Asústannos cun bombardeo do pesimismo nos medios. Declive, afundimento, suicidio demográfico. Polo sumidoiro do medo tamén escoa a cultura, a lingua, a economía.

Diante de procesos tan complexos cómpre escoitar máis a demógrafos e menos a titulares de prensa cos intereses que agochan. Será que os vellos, teimudamente agarrados á vida, cobran moita pensión? Será que a solución doada é que as familias teñan máis fillos? Se cadra unha axudiña económica animará os embarazos. Ou non. Porque os números son teimudos. Na 2º metade do s.XX marchou medio millón de xente nova coa maleta chea de miseria e pouco espíritu aventureiro. Con eles fóronse as nenas e nenos que non naceron. O que era inimaxinable é que a sanguía continuara na etapa democrática a pesar do Amazonas de euros que desde Europa tentou sacarnos do atraso secular. Para cambiar o sistema produtivo. Para frear o cabalo desbocado das desigualdades. Para crear empresas e actividades con valor engadido. Para dar oportunidades á xente nova e titulada. Non foi así. Cada un das ducias de miles de rapaces da xeración máis preparada e na que investimos tanto, éche unha labazada aos que xestionaron mal os centos de millóns recibidos. E foron incapaces de alumar un país onde a mocidade quede a vivir porque paga a pena. Se hai futuro, casa e fillos son cousa de cadaquén e non de axudas á natalidade e mensaxes arrepiantes. Cada rapaz traballando fóra éche testemuña do fracaso da gobernanza do país. Porque marchan nunha etapa vital onde construirán o futuro fóra. Mentres os fillos dos que baldeiraron o país xa o teñen garantido dentro.

Aperta Deus pero non afoga: quedan os vellos. A súa paguiña vai mantendo o carpe diem dos netos. Sen moita gana de enlearse nun futuro incerto que lles permita encher de fillos a pirámide de poboación das Cassandras agoreiras. E da Galicia baldeira, ou non.

Comentarios