Opinión

As formas da España melancólica

¿Que queda daquel imperio que chamaba Mare Nostrum ao Mediterráneo? Pois esta Italia sobrevivinte e amable, cofundadora da moderna Europa. ¿Que quedará destes EE UU fracturados polo odio? Non pasará moito ata que todos os grupos étnicos sexan minorías: asiáticos, latinos, negros, blancos. Nada que ver co soño trumpiano e supremacista WAS P, acrónimo inglés de White, Anglo-Saxon and Protestant onde a maioría branca acapara o poder político, social e económico. 

¿Que queda do xigantesco crebacabezas daquela URSS? Esta morea de repúblicas asiáticas e unha presada de europeas. Unha Rusia saqueada por oligarcas. E un Putin autoritario, con tentacións zaristas. 

¿Que, do imperio austrohúngaro, cocteleira de pobos, etnias, linguas, relixións? ¿Ou do poderoso imperio turco? ¿Onde vai o imperio británico, o maior que houbo no planeta? Un século de hexemonía mundial polos máis de tres séculos do imperio español. Pechados agora na súa illa á busca de privilexios que rememoren ouropeles do pasado. 

Acostumados a ver Occidente como embigo do mundo, esquecemos os grandes imperios de África, de Asia. Tiveron o seu momento de fulgor ata que se apagaron. Pasa con aquela España, tan longa e ancha que nela nunca se ponía el sol. Unha ollada aos mapas históricos mostra as infinitas formas políticas desta encrucillada de camiños e pobos. Celtiberia, Hispania romana, reinos das grandes migracións centroeuropeas. España musulmana. Reino visigodo. Taifas. Reinos cristiáns. Reconquista. Aragón, Castilla, Portugal. A España dos Reis Católicos onde pescudan as orixes da España eterna. Monarquías e dinastías chegadas de fóra. Dúas Repúblicas. Ditaduras. Esta curta etapa democrática. O difícil crebacabezas das Autonomías. A procura dunha España Federal. 

As Españas Eternas sempre tiveron data de caducidade. A historia non empezou connosco nin remata en nós. Segue o seu curso cun movemento pendular. Ninguén pode impoñer a súa idea de España. Será o que queiramos. Por sorte baixo a paraugas de CE, a maior, mellor e máis esperanzadora construción política actual. Faro de luz, dereitos humanos, a mellor democracia, porto de abrigo para os derrotados. 

Despois da ferocidade centrípeta e uniformadora da ditadura, esta febre centrífuga onde os máis ricos reclaman o seu dereito a decidir. Ou a exercer o moi complexo dereito de autodeterminación nun mundo imbricado por problemas comúns, urxencias planetarias e gobernanzas máis aló das fronteiras. Ogallá non volvan xamais nacionalismos excluíntes que deixaron unha Europa no século XX cuberta de odios, revanchismos, sangue e cascallos. 

O futuro está aínda por escribir. Outras páxinas a engadir no mapa do devenir histórico. E a nostalxia dunha irreal España ancorada na melancolía.

Comentarios