Opinión

'¡Están tolos estes romanos!'

O repartidor de menhires toca co índice nas tempas e exclama: ¡Están tolos estes romanos! Obélix vive na aldea de irredutibles galos que resiste teimunda, e sempre, ao invasor. Os xeniais Uderzo e Goscinny ríanse daquela maneira dos invasores. Na realidade, conquistada a Galia por un dos imperios máis crueis e brutais da Antigüidade, Xulio César deixaría diezmada a poboación cun millón de escravos e tres millóns de mortos. Xenocidio á maior gloria das aguias romanas.

¡Están tolos estes romanos! E botamos as mans á cabeza en pleno século XXI diante da agresión inxusta e cruel da Rusia de Putin contra a Ucraína da xente. Ao autócrata ruso pouco lle importa o sufrimento humano, o arrasamento do país, os mortos e feridos no campo de batalla e nas casas da xente. Fálase de ata trescentos mil soldados mortos, rusos e ucraínos, incontables feridos e máis de oito millóns de refuxiados. A aventura belicista do imperialismo nacionalista ruso afecta ao mundo enteiro e os mísiles da fame estoupan nos países africanos. As guerras que empezan nunca rematan, algo que ignoran caudillos autócratas.

¡Están tolos estes romanos! Porque os imperios da crueldade do pasado permanecen. Estes días os países que poden sacan os compatriotas doutra guerra da fin do mundo, Sudán. Velaquí un gran país que encadea conflitos. Guerras de pobres sen cartos para pan, e con diñeiros e débeda eterna para armas. Dous bandos enfrontados nunha guerra fratricida multiplican destrución, feridos e mortos, a maioría civís. Vítimas colaterais que non poden escapar da barbarie a países veciños igual de pobres. Os máis fortes e arriscados tentarán chegar ao oasis europeo. Desde a secesión de Sudán do Sur en 2011, musulmáns no norte, animistas e cristiáns no sur, éche a terceira guerra civil que soportan neste mundo negro e pobre. É dicir, invisible. 

¡Están tolos estes romanos! No sur da península arábiga Iemen contra o bando apoiado pola familia Saud. A guerra xa dura seis anos e non ve o final. Mentres a plutócrata familia que goberna Arabia Saudita crea ligas de golf multimillonarias, edifica mesquitas do islam máis rigorista en medio mundo, contrata por soldos delincuentes a futbolistas de sona e paga a catedráticos europeos para mellorar o ránking ficticio das súas universidades. E veta a entrada na súa ‘finca’ medieval a veciños musulmáns pobres, obrigados a unha azarosa viaxe cara á laica e ‘perversa’ UE onde ata recoñecen dereitos LGTBI.

"Habendo dúas formas de resolver os conflitos, pola negociación ou pola forza, o primeiro é propio de humanos, o segundo de bestas", escribiu hai 2000 anos o filósofo Cicerón. Xusto cando César masacraba a Galia comportándose como unha besta. Con menos palabras, Obélix di o mesmo: ¡Están tolos estes romanos!

Comentarios