Opinión

O estado de benestar coxea na escola

A viñeta aceda di: "A ignorancia ensínase nas escolas e se queres aprender algo tes que ser autodidacta". Non é certo. A escola éche o camiño á igualdade, billete para a salvación da xente do común.

Estudos de excelencia, informes Pisa colócannos diante do espello, ao tempo que a educación pública, pata do estado social, recibe disparos na liña de flotación. Conservadores e nacionalistas de dereitas cren pouco no público e sitúan a excelencia no privado. A educación éche capítulo notable de gasto nas autonomías... e xacemento de riqueza para o negocio privado, cando hai poderes públicos proclives a escoitar os seus cantos de serea. Porque as familias acomodadas reclaman o «dereito a decidir centro» para os fillos. E iso parécese moito ao «dereito a decidir para ricos» que reclaman as rexións máis desenvolvidas e insolidarias.

En escolas, institutos e universidades ese dereito expulsa ás minorías étnicas, familias desestruturadas, relixións e cores de pel diferentes. Ao final, guetos do público nos barrios duros, e elitismo privado pagado con impostos no centro e zonas residenciais.

As mesmas familias e organizacións que, por unha materia necesaria, protestaron airadamente na rúa contra a ideoloxización das escolas, reclaman o dereito a elixir centro de acordo coa súa ideoloxía. Tal dereito non debera existir, porque todo centro educativo está baixo o paraugas da Constitución, dos dereitos humanos e do neno. Máis aló diso, sen esquecer que os nenos non son propiedade dos pais, eduque cadaquén como queira na casa, mezquita, parroquia ou sinagoga. Cousas importantes pero privadas e sempre baixo os valores dunha sociedade laica e democrática.

O penúltimo ataque contra a equidade é a xornada única que rouba horas para construír o futuro dos desfavorecidos. Porque as actividades extraescolares acaban sendo un luxo que salva aos ricos e condena tardes enteiras aos pobres diante do delirio bobo das pantallas.

A fundación Bofill alerta de que a xornada continua éche factor agravante das desigualdades sociais e condena a unha peor formación aos que non poden escoller deporte, música, idiomas: luxo caro. As tardes co cu no sofá son a nai dunha epidemia de sedentarismo e obesidade. E recomendan a xornada partida cunha pausa para a comida nos colexios, fondamente educativa e imprescindible para moitos.

Cómpre poñer baixo sospeita a xornada intensiva e o "dereito a decidir centro" que reclaman familias acomodadas pero inalcanzable no rural e nos barrios duros. Como en política, tal dereito só o esixen os privilexiados. Disfrazado coa florida linguaxe de democracia e liberdade, agocha egoísmo, clasismo e insolidaridade. Unha bala na liña de flotación do estado do benestar que coxea na escola.

Comentarios