jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Escola de todas e para todos

A ESCOLA PÚBLICA éche o recurso máis poderoso de Estado para crear un proxecto de país. Aulas de mestizaxe, nunca de segregación, promoven o desenvolvemento integral do alumnado. Á procura dunha sociedade máis libre, xusta, equitativa.

Escolas privadas con conciertos educativos, conservan o dereito de seleccionar ao alumnado que máis lles convén, mesmo desde a matrícula. E iso leva a niveis pouco soportables de segregación social. Non é aceptable que a esta selección se lle chame dereito dos pais a elixir a educación que prefiren para os fillos. E obriga a preguntar, ¿hai diferentes tipos de educación sobre todo onde o alumno é o centro do sistema?, ¿hai escolas que ensinan valores diferentes? Todas están ó abeiro da Constitución coa obriga de promover os dereitos dos nenos. Máis aló diso, os valores reivindicados confúndense con privilexios de poucos pagados con impostos de todos. Ao fin, guetos nun extremo social e centros elitistas noutro.

A Constitución, art.27, non recoñece o dereito dos pais a escoller centro, mantra repetido pero non real. Se algo caracteriza a un sistema educativo avanzado é a integración e a aposta pola equidade. Concentrar alumnado de familias desestructuradas, inmigrantes, minorías étnicas non é un valor, é fractura social e insolidariedade. A ninguén se lle nega o dereito a educar os fillos cos seus valores, pero non poden impoñelos ao Estado. Máis asisado é apostar pola sociedade educadora. "É necesaria a tribo enteira para educar un neno", sinala o dito africano.

Por iso chama a atención que haxa partidos que non aposten pola igualdade mimando a escola pública, máis a que traballa de xeito heroico nos barrios duros e nun rural desvertebrado, baldeiro e envellecido. Aí, nos peores sitios, nas escolas duras habería que enviar as mellores profesoras e mestres, pagándolles máis. E non caer no absurdo de crear hospitais que curan os sans e matan os enfermos. Os fillos de familias con renda baixa abandonan os estudos sete veces máis que os das máis ricas, repiten cinco veces máis e concéntranse na escola pública. Nas comunidades ricas a escola pública estase a converter en subsidiaria, recollendo o que a privada rexeita. Castigada, en tempos de pandemia, con ratios excesivas, recortes de profesorado e medios materiais.

Máis razoable é que escolas privadas e concertadas sexan subsidiarias da pública para non financiar clasismos privados con impostos. Discriminar alumnado pola economía das familias ou segregar por sexo é inaceptable nunha sociedade vertebrada, de iguais, democrática, europea que camiña cara á igualdade. Aí ten que estar a escola pública, vertebradora nos barrios e no rural, integradora, equitativa. De todas e para todos.

Escola de todas e para todos
Comentarios