Opinión

Emerxencia climática, desidia política

Vai pasando o verán. Ondadas de calor e pirómanos, bobos despistados e canallas conscientes. Algunha tormenta seca.
Roxen os motores da xigantesca maquinaria apagalumes. Miles de conatos de lume: o  de sempre. Inimaxinable é que tantos, 51, acaben en traxedias medioambientais. Aí entra a política. A desidia de políticos e partidos e ocupados en mirar o embigo antes que erguer a vista aos problemas urxentes de todos.

¿Qué máis ten que pasar para que se poñan de acordo nun plan para a defensa da terra? ¿Que máis para que o exército de zombis abducido polas pantallas se poña en primeira liña dun voluntariado pola terra? ¿Que máis ten que pasar para que nos percatemos de que a auga é ouro líquido que hai que xestionar mellor para non malgastar ese 40% que se perde nas corredoiras da neglixencia? ¿Que máis para optimizar o auga para rego e para consumo humano? Reivindicamos que non falte auga para o consumo humano, esquecendo que todas as especies vivas teñen dereito a beber. ¿Que máis ten que pasar para que os gobernos unan forzas na península europea máis ameazada pola desertización? ¿Que máis para que a gobernanza mundial decida embridar o malgasto, a queima de combustibles fósiles, e mesmo o decrecemento económico para non esgotar un planeta esgotado? 

O que temos son miles de incendios, a maioría intencionados. Unhas ducias con máis de 500 ha. e algúns xigantescos, de máis de 10.000 ha. Faltan semanas malas e xa temos 286.000 ha. calcinadas nunha península abrasada e sen auga. O custe de apagar cada hectárea é duns 10.000 € sen contar traballos de rexeneración e reforestación.

Ata os políticos coñecen o mantra de que ‘o lume apágase en inverno’ e que os labores de prevención son máis eficaces. Pero nin eles nin a sociedade estamos á altura do problema. Somos millonarios en autoodio. Con bágoas de crocodilo esiximos máis helicópteros (6000 €/h.) máis hidroavións (4000 €/h.), drones, motobombas, brigadas… con menos impostos, predica o credo neoliberal. Que sufra o planeta mentres segue a festa de consumo. A desidia e o cainismo político son letais diante da emerxencia climática. E iso que levamos anos con informes de científicos-Cassandra aos que non facemos caso. Ata que sentimos no corpo a calor asfixiante, ríos e encoros secos, incendios estarrecedores, billas sen auga. Non queda outra que presionar a partidos e gobernos. Co voto a prol da terra. Contra políticas máis proclives ao negocio que ao aforro, sentidiño e austeridade.

O cambio climático é urxente preocupación cidadá máis aló de bandeiras de dereita ou esquerda, negacionistas despistados ou ecoloxistas minoritarios. O cambio climático é e está. Unha emerxencia a favor da vida e contra a desidia política.

Comentarios