Opinión

Escola de todas, escola para todos

"E COMO HAI un fin único para a cidade, que é a xustiza, queda claro que a educación ten que ser única e a mesma para todos, de xeito que non sexa o diñeiro o que diferencie a educación", escribía Aristóteles, en A política no s. IV a.C. "O coidado da educación ten que ser cousa do Estado, dun Estado xusto e igualitario, e non privada como nos tempos en que cadaquén coidaba privadamente dos fillos..."

Ás portas dun curso difícil que vai poñer a proba as fortalezas do alumnado, escolas, familias e profesorado, convén reler as reflexións do filósofo grego. A escola de todos e para todas é a pública. Outros modelos defenden intereses particulares e o dereito das familias a elixir. Se fose un dereito nidio, esixiría que todas puidesen exercelo. Non é así. Ese dereito non existe no rural nin nos barrios duros das cidades. Non existe para minorías, inmigrantes, familias desestruturadas. Salvagarda a liberdade dunha minoría para exercelo, e dese xeito, tal dereito revélase como privilexio.

Impostos públicos non poden financiar clasismos privados. Sosteñen unha escola pública e gratuíta onde acceden todos máis aló da clase social e dos cartos. Esa escola vertebra a sociedade. Entretece ao alumnado sen separar clases sociais en compartimentos estancos, en realidades tanxentes de triunfadores e perdedores.

Ás veces, familias e representantes da escola privada e concertada falan do dereito a elixir de acordo cos seus valores. O certo é que as escolas están baixo o paraugas dos valores democráticos da Constitución e dos dereitos das nenas e nenos. Máis aló diso cadaquén é libre de educar os fillos como queira. E procurarlles formación relixiosa na casa e nos lugares de culto.

A escola pública, laica e plural, non debe entrar en ningún tipo de adoutrinamento. Garante a liberdade de expresión nas aulas que acollen ideoloxías e formas culturais aunadas pola tolerancia, o diálogo e os valores democráticos. Alí cultívanse valores da paz e solidariedade, da palabra, a xustiza e a igualdade.

Do mesmo xeito que na sociedade hai mulleres e homes, nas escolas nenas e nenos conviven coeducándose. Camiñan xuntos. Necesítanse. Aprenden que para voar precísanse dúas ás, femenina e masculina. Abertas e plurais, as aulas enriquécense coa diversidade. Terman de torpes e listos. Integran, como riqueza, a discapacitados.

A escola non é illa afastada senón pequeno corazón que late por unha sociedade máis equitativa e xusta. Alí collen todos, acolle a todas, non escolle. Non hai elitismo e por iso xamais poden ser hospitais que matan aos enfermos e curan aos sans.

A escola éche un edificio vivo e aberto a todos os ventos sociais. Crítica, autocrítica, nunca satisfeita. Sempre en construción. A escola de todos. Para todas.